viernes. 02.12.2022

O macro proxecto Mistral-Tramontana e outras ameazas eólicas, a debate este sábado en Xinzo

Catro colectivos participan nunha charla informativa pública que se celebrará a partir das 5 da tarde no Salón de Plenos do Concello de Xinzo.

Acción reivindicativa de STOP EÓLICOS no castelo da Saínza en setembro pasado
Acción reivindicativa de STOP EÓLICOS no castelo da Saínza en setembro pasado

A plataforma STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA en colaboración con ADEGA Monterrei, o Sindicato Labrego Galego e o Club de Parapente Baltar, organiza este sábado, 26 de novembro, en Xinzo de Limia unha charla informativa sobre a ameaza eólica nas comarcas limiás, onde o maior parque natural do país, O Xurés, as montañas occidentais do Macizo Central e as reservas da biosfera Gerês-Xurés e área de Allariz están en risco.

Cartel da charla 26N contra a ameaza eólica na Limia
Cartel da charla 26N contra a ameaza eólica na Limia

A charla celebrarase ás 17:00 horas deste sábado no Salón de Plenos do Concello de Xinzo de Limia, grazas a boa disposición do goberno municipal de Xinzo de facilitar as accións de información á veciñanza.

Na charla ofrecerase unha análise sobre os impactos do proxecto complexo Mistral-Tramontana na serra do Larouco, desde as afeccións ao medio até as consecuencias para os usos lúdicos e deportivos das serra. Este proxecto, en fase de exposición pública, ten xerado unha ampla contestación social en Baltar e Xinzo. Tamén se sinalarán os impactos do proxecto Lamas II, en exposición pública desde este mesmo luns, e presentado por separado co de Lamas de Feás, cando a propia promotora (Greenalia) recoñece que compartirán accesos e liñas de evacuación. É dicir, trátase dun mesmo proxecto que destruiría, entre outros efectos graves, a paisaxe da Aguioncha e a Pena Loba. A contestación a este macro proxecto e á LAT de evacuación levou a presentar máis de 1.500 alegacións de oposición o verán pasado.

Desde Salvemos O Támega ADEGA Monterrei informarán sobre outro macro-proxecto, este en tramitación estatal, que ameaza o Macizo entre Vilar de Barrio e Laza e que é rexeitado polos seus severos impactos ambientais, non só polos colectivos ecoloxistas, senón tamén por comunidades de montes e institucións públicas. Mais a empresa, a compañía estatal norueguesa Statkraft, insiste en chantar aeroxeradores de 215 metros de altura (os máis altos colocados no país) sobre a serra de San Mamede.

A charla está aberta a toda a veciñanza da Limia e disporanse os medios para o seu seguimento a través de Internet.