Máis de 6 m€ para financiar proxectos de grupos operativos que innoven no agro galego

pacas-de-paja-en-campos-trigo-segado-una-zona-rural-la-provincia-ourense-comarca-limia-galicia-españa-216906674
Máis de 6 m€ para financiar proxectos de grupos operativos que innoven no agro galego

O obxectivo destas achegas é fomentar a innovación en áreas como a xestión sustentable dos recursos naturais, sistemas agrarios de produción, cadea agroalimentaria, bioeconomía ou aplicación das TIC ao sector

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria de axudas da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, para a execución de proxectos dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cun orzamento de 6,12 millóns de euros para este ano 2022. Estas achegas están cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

O obxectivo principal destas subvencións é fomentar a innovación no medio rural, en áreas prioritarias de actuación tales como a xestión sustentable dos recursos naturais, sistemas agrarios de produción, cadea agroalimentaria, bioeconomía ou aplicación das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) ao sector.

Os grupos operativos -que deberán estar formados polo menos por dous membros- buscan poñer en marcha iniciativas innovadoras en materia de sustentabilidade agrícolas que representen un avance significativo fronte ás tecnoloxías utilizadas nunha área xeográfica, sector produtivo ou campo específico nos ámbitos agrícola, gandeiro, forestal ou da industria agroalimentaria.

Os beneficiarios destes fondos poderán ser agricultores, gandeiros, silvicultores e organizacións representativas destes, investigadores ou persoas que desenvolvan por conta propia a súa actividade no eido do medio rural. Tamén, empresas do sector agrícola, gandeiro ou forestal e as súas organizacións representativas, cooperativas agrarias e as súas asociacións e outras entidades que demostren intereses no fomento da competitividade da agricultura, na sustentabilidade dos recursos naturais e do clima ou desenvolvemento das economías e comunidades rurais. Os interesados teñen de prazo un mes para presentar de forma telemática a correspondente solicitude.

Estas achegas repercutirán positivamente sobre a aplicación efectiva da innovación dentro do sector agrogandeiro e forestal galego, coa conseguinte mellora para a sociedade no seu conxunto. Todo isto, tendo en conta que a transferencia de I+D+i ao sector primario beneficia tanto aos diferentes elos da súa cadea de valor como aos consumidores en xeral.

Poden consultarse a convocatoria completa, aquí:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220127/AnuncioG0528-301221-0003_gl.html