Máis do 50% da Limia está dedicado a superficies agrarias

Máis do 50% da Limia está dedicado a superficies agrarias
"Aquí non volveremos, quizais iremos un pouco máis alá. Se hai que facer un esforzo e levar 300 tractores a Santiago, levarémolos, unidos polo sector agrario de Galicia"

A xornada de hoxe estivo marcada pola manifestación do sector agrario e gandeiro galego. Ao remate do percorrido realizáronse varias lecturas e unha intervención, esta última a cargo de Amador Díaz.

Nestas lecturas resaltáronse varios datos sobre a importancia do sector agrario e gandeiro da Limia. Entre estes datos, destácase que a zona da Limia xera de modo directo o 20% da actividade económica da comarca.

Ademais, tamén se falou do grao de aproveitamento do terreo, xa que máis do 50% do territorio da Limia está dedicado a superficies agrarias, mentres que no resto de Galicia non superan o 28%.

Tamén recordaron a tractorada de marzo en Xinzo de Limia, na que se manifestaron polos mesmos motivos, aínda que agora máis agravados pola suba incesante dos prezos. Dicían que daquela, o gasóleo agrícola estaba nos 1.50€ e agora está en 1.60€.

Alí, diante da subdelegación do goberno, reclamaron o cumprimento da lei da cadea alimentaria, pola que se di que teñen dereito a paralizar a produción en caso de producir en perda.

Amador, remata coas seguintes palabras: "Aquí non volveremos, quizais iremos un pouco máis alá. Se hai que facer un esforzo e levar 300 tractores a Santiago, levarémolos, unidos polo sector agrario de Galicia"