Mañá 1 de marzo comeza o prazo

almacén-viruta-verde-biomasa-forestal
Mañá 1 de marzo comeza o prazo

A XUNTA ABRE MAÑÁ O PRAZO DE SOLICITUDE DE AXUDAS PARA A INSTALACIÓN DE CALDEIRAS DE BIOMASA NOS FOGARES GALEGOS

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, lembrou esta mañá, durante unha visita á residencia San Xoán de Río, que a Xunta de Galicia abre mañá o prazo para solicitar as axudas destinadas a impulsar a instalación de caldeiras de biomasa nos fogares galegos.

A convocatoria, que conta cun orzamento de 1,5M€, apoiará proxectos promovidos polos particulares con fins de aforro enerxético e fomento do uso das enerxías renovables. Os proxectos limitaranse a instalacións para a xeración de enerxía térmica mediante caldeiras que utilicen biomasa como combustible. A contía das axudas será dun 50% cun máximo de 8000 euros por proxecto.

20230228DXPernResidencia

O prazo para os particulares rematará o 29 de xuño ou cando se esgoten os fondos, xa que son axudas que se outorgarán por orde de solicitude. As entidades colaboradoras interesadas poderán adherirse ata o 1 de xuño, ata o de agora xa se sumaron 353.

Os apoios favorecerán a mobilización de 3,75M€, aforros económicos anuais de 300.000 euros, así como a redución de emisións e aforros anuais de 6000MWh de enerxía. Tamén posibilitará a creación ou mantemento de 37 empregos.

Con esta liña de axudas, o Goberno galego segue avanzando no seu obxectivo de fomentar o uso de enerxías renovables, neste caso nos fogares, coa importante redución de custos enerxéticos que supón fronte a outro tipo de enerxías. Na convocatoria do ano pasado víronse beneficiados 522 fogares. Mentres que na liña para empresas e entidades locais se outorgaron 86 axudas.

Unha das beneficiarias foi a residencia de maiores San Xoán de Río, xestionada pola Fundación San Rosendo, que instalou unha caldeira de biomasa para a climatización do complexo. O proxecto recibiu unha axuda do Inega de ao redor de 65.000 euros e permitirá un importante aforro enerxético que tamén favorecerá un aforro económico de 40.000 euros ao ano na compra de combustible.