MAÑÁ, 4 DE ABRIL, COMEZA A NOVA EDICIÓN DO CICLO DE CONCERTOS DIDÁCTICOS DE ÓRGANO EN CELANOVA

147
MAÑÁ, 4 DE ABRIL, COMEZA A NOVA EDICIÓN DO CICLO DE CONCERTOS DIDÁCTICOS DE ÓRGANO EN CELANOVA

1.200 ALUMNOS DE TODA GALICIA PARTICIPARÁN NESTA ACTIVIDADE MUSICAL ÚNICA EN GALICIA

Un ano máis e de forma gratuíta, os centros escolares de Galicia teñen a oportunidade de participar no ciclo anual de Concertos Didácticos de Órgano na Igrexa de San Salvador de Celanova promovido polo Concello de Celanova e patrocinado pola Secretaría Xeral de Cultura.

147Este ciclo de concertos, impartido pola profesora de órgano do Conservatorio Profesional de Ourense e excepcional organista, Marisol Mendive, trátase dunha actividade única en Galicia que mestura dun xeito moi participativo, o coñecemento dos segredos dun órgano histórico coa interacción musical dos propios alumnos e alumnas co maxestoso instrumento, ó gozaren da oportunidade de interpretaren cos seus propios instrumentos varias pezas musicais acompañados polos poderosos sons do órgano.

O lugar de celebración destes concertos será o coro alto da igrexa de San Salvador de Celanova, cunha duración de 50 minutos e dirixidos a alumnos dos últimos cursos de Primaria, Secundaria e Bacharelato.

Serán 10 as xornadas nas que terán lugar estes concertos entre as 11:00 e 14:00 horas, trinta concertos en total que se cubriron en tan só quince días desde a apertura da inscrición. Sempre en mércores, arrancarán mañá 4 de abril de 2018 coa participación do CPR Pablo VI Fátima da Rúa, CPI As Revoltas de Cabana de Bergantiños e CPI O Cruce de Cerceda.
O resto de datas serán en abril os días 11, 18 e 25. En maio os días 2, 9, 16, 23, 30 e en xuño o día 6.

En cada sesión realizarase unha explicación do instrumento enmarcado dentro dos contidos pedagóxicos de cada etapa escolar á que vai dirixida a sesión. A clase será eminentemente práctica para os alumnos e nela abordaranse os contidos e partituras incluídas na memoria enviada. Destacamos que é unha actividade especialmente participativa, sobre todo na parte final.

Ademais, tanto dende a oficina de turismo coma dende a Fundación Curros Enríquez coordinarase un programa complementario de visitas guiadas a Castromao, Vilanova dos Infantes, o propio Mosteiro e a Capela de San Miguel, así como á Casa dos Poetas, que fará que os alumnos e alumnas do seu centro teñan a oportunidade de realizaren en tan só unha xornada “un paseo pola historia de Galicia”.