“A verdadeira escola da política está no municipalismo, onde os nosos representantes públicos teñen un contacto directo coa veciñanza e procuran con gran esforzo e traballo as solucións que demandan as persoas”, afirmou hoxe o candidato á reelección da presidencia do PP, Manuel Baltar, reclamando deste xeito “o merecido recoñecemento aos concelleiros e concelleiras populares, estean no goberno ou na oposición, como os activos máis importantes do partido”.
Durante os encontros que mantivo con cargos locais da formación e compromisarios das comarcas de Bande e Celanova, Baltar comprometeuse a celebrar unha convención anual municipal “que sirva para poñer de relevo aos máis de 400 homes e mulleres do PP que cada día traballan nos 92 concellos da provincia para dar o mellor servizo aos cidadáns”.
Co seu labor, “os nosos representantes locais constrúen día a día os piares dun partido coa maior implantación territorial da provincia e danlle a forza necesaria para conseguir os mellores resultados electorais”, engadiu o candidato. Así, a proposta de celebrar unha convención anual municipal “permitiranos darlles máis visibilidade, xerar equipo, fomentar a comunicación, intercambiar experiencias e reforzar os nosos principios”, subliñou.