En Marea chega a Xinzo defendendo os dereitos sociais e a loita contra a corrupción

marea
En Marea chega a Xinzo defendendo os dereitos sociais e a loita contra a corrupción

A forza política aspira romper o "voto cautivo" do PP ourensán

O cabeza de lista por Ourense, David Bruzos, destacou que En Marea loitará para garantir o dereito dos cidadáns a unha vivenda e a un posto de traballo. Sinalou que se vencen o 20D, chegarán a Madrid para frear a privatización dos servizos básicos e impulsar Galicia e apoiar o sector primario. David Bruzos destacou que outra loita de En Marea será contra a fraude fiscal e matizou que "en Xinzo tristemente sabedes o que é a corrupción cun alcalde que segue gobernando con oito sentenzas por corrupción".

Estas palabras pronunciounas o candidato nun mitin que tivo lugar este serán na Casa da Cultura de Xinzo. Bruzos estivo acompañado pola número dous por Ourense, Sofía Díaz, quen apuntou que hai que frear os recortes en educación e sanidade, "non queremos recortes como no Centro de Saúde de Xinzo", en alusión a perda dunha enfermeira en pediatría.

Tamén se poideron escoitar as palabras do viceportavoz de AGE, Antón Sánchez que se amosou confiado na vitoria dos movementos sociais o vindeiro domingo día 20. Destacou que Galicia merece un goberno que loite polo futuro do rural e co fin dos "baltaristas de Xinzo e da corrupción". Sánchez confía no proxecto e recalca que "somos unhas pingas de auga pero somos unha marea e hai futuro".

No mitin participou tamén a concelleira de Ourense en Común, Ledicia Piñeiro, que sinalou que "chegou o momento dos grandes cambios como xa se deron nos concellos de Ferrol, A Coruña ou Santiago de Compostela".