En Marea denuncia ante a Fiscalía de Medio Ambiente a contaminación da comarca da Limia polos xurros

rio
En Marea denuncia ante a Fiscalía de Medio Ambiente a contaminación da comarca da Limia polos xurros

Davide Rodríguez pídelle á Xunta que aporte documentación relativa a este problema e poña en marcha medidas para a xestión dos residuos

En Marea denunciou este xoves ante a Fiscalía de Medio Ambiente da provincia de Ourense o problema ao que está sometida a comarca da Limia por mor da produción gandeira en intensivo e polos residuos que está a xerar. “A Xunta de Galicia, a través das consellerías de ten que darlle Medio Rural e Medio Ambiente ten que darlle solución a este problema”, considerou o deputado no Parlamento Davide Rodríguez, quen estivo acompañado polo candidato de En Marea ao Congreso por Ourense, iván Olmos e polo membro do Movemento Ecoloxista da Limia, Manuel García.

Davide Rodríguez anunciou a petición de documentación á Xunta que será aportada ás dilixencias que vai abrir a fiscalía. “Esa documentación é relativa ás medidas que a consellería tomou con respecto ás esterqueiras, aos envases dos produtos que están aparecendo ciscados por toda A Limia, e ás empresas que están a reciclar os xurros que se xeran en toda a provincia. Non sabemos que están a facer con eles”, indicou.

No tocante ás medidas a tomar, o deputado de En Marea solicitou a apertura dunha investigación para depurar responsabilidades sobre a contaminación das augas da comarca, a publicación dun decreto de obrigado cumprimento para regular estes residuos agrogandeiros, a posta en funcionamento dunha planta de tratamento que leva anos pechada e que se fixo con fondos europeos, a elaboración dun censo actualizado sobre a carga gandeira que soporta A Limia, a ordenación das explotacións existentes, unha revisión das superficies asociadas ao retiro dos xurros para ser adecuadas ao tamaño das propias explotacións e un control exhaustivo das empresas de transporte. “Non imos en contra de ningunha empresa, pero si deste modelo de produción e das políticas agroambientais que vén desenvolvendo a Xunta de Galicia”, afirmou Rodríguez.

Pola súa banda, Iván Olmos apuntou que “temos que esixirlle ao Goberno do Estado que haxa máis fondos públicos adicados á xestión de residuos. O orzamento destinado a esta materia foi recortado nos últimos anos e deben aumentarse os recursos para que as Comunidades Autónomas poidan xestionar mellor os residuos e protexer as zonas que están sendo altamente contaminadas".