Medidas urxentes contra a proliferación das velutinas, solicitan os Socialistas de Xinzo

Niño velutinas Xinzo
Medidas urxentes contra a proliferación das velutinas, solicitan os Socialistas de Xinzo

Elvira Lama fai fincapé en que o alcalde, Amador Díaz, que é tamén o concelleiro de medio rural e medio ambiente, “debe pór máis empeño para solucionar esta grave problemática que está pondo en risco a vida e a saúde da veciñanza”

Nota PSdG-PSOE:

O PSdeG-PSOE de Xinzo de Limia vén de rexistrar unha solicitude de actuación para que se tomen medidas “urxentes” contra a proliferación da vespa velutina no municipio. Os e as socialistas argumentan no seu escrito que a presenza desta especie e a dispersión que afecta a Galicia, “provocou o seu aumento de xeito exponencial no noso concello, especialmente neste verán”.

Niño velutinas Xinzo 5
Niño velutinas Xinzo 5

Dende o grupo municipal socialista de Xinzo explican que fontes consultadas “refiren que se producen retiradas de niños de velutinas tódolos días, cunha intensidade que deixa fora de toda dúbida que estamos diante dunha problemática que pode xerar riscos graves para a saúde e a integridade das persoas”. Por este motivo, os e as socialistas piden que “se informe e advirta” a poboación dos “riscos” e das “vías” para dar avisos, xa que tal e como apuntan “moita xente non sabe como actuar”.

“A dispersión da poboación, o número de casas abandonadas en diferentes núcleos de poboación, as persoas que viven soas ou en casas afastadas e rodeadas de vexetación provocan que no caso de que existan niños, estes sexan dificilmente detectables, pero non por iso menos perigosos”, subliñan dende o PSOE de Xinzo. Os e as socialistas da localidade destacan que “compre unha vixilancia intensa e case constante tanto por parte dos veciños e veciñas como por parte dos efectivos cos que pode contar o concello”. Neste senso tamén apuntan que a presencia de niños na vila “non é menos importante, localizados en fiestras e balcóns, chegando a eliminar ata catro niños na mesma terraza dun só domicilio en escasos días”.

A voceira do PSdeG-PSOE en Xinzo de Limia, Elvira Lama Fernández, constata ante as denuncias dos veciños e veciñas afectadas que “a resposta dos medios que ten ao dispor a Xunta de Galicia, as veces tarda días en solucionar o problema e fai que o tempo corra en contra da cidadanía, especialmente

daquelas persoas que son alérxicas e doutras que non o saben, e que pasan polas rúas ou camiños onde están aloxados estes niños de velutinas, que poden conter uns 2.000 exemplares”.

Lama Fernández fai fincapé en que o alcalde, Amador Díaz, que é tamén o concelleiro de medio rural e medio ambiente, “debe pór máis empeño para solucionar esta grave problemática que está pondo en risco a vida e a saúde da veciñanza”. A voceira socialista lembra que nos últimos días, aparecía nos xornais “unha nova vítima mortal como consecuencia das picaduras de velutinas no concello de Melón, polo que consideramos que temos que prestar especial atención a esta problemática”.

No escrito presentado polo PSdeG-PSOE de Xinzo solicítanlle ao concello que “se tomen medidas para alertar a poboación dos perigos e riscos para a saúde e, que ao mesmo tempo, se establezan dispositivos cos voluntarios de Protección Civil para inspeccionar e vixiar aqueles puntos de retirada, polo temor a que as velutinas volvan facer novos niños”. Os e as socialistas tamén lle solicitan ao concello que “demande da Consellería de Medio Rural, que as intervencións sexa áxiles e eficaces en canto se notifique a presenza de niños de velutina a través do 012, xa que nalgúns casos tardan máis dun mes en actuar para a retirada”.