MEDIO AMBIENTE AGARDA PODER RETOMAR A ACTIVIDADE NOS TRES PARQUES NATURAIS DE OURENSE A PARTIR DA PRÓXIMA SEMANA

5432scr_e938eca443a2544
MEDIO AMBIENTE AGARDA PODER RETOMAR A ACTIVIDADE NOS TRES PARQUES NATURAIS DE OURENSE A PARTIR DA PRÓXIMA SEMANA

A conselleira Ángeles Vázquez repasou xunto á delegada territorial da Xunta na provincia e os responsables da xestión destes espazos naturais os traballos de conservación acometidos durante o estado de alarma no Xurés, Serra da Enciña da Lastra e O Invernadoiro

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, mantivo esta mañá unha videoconferencia coa delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, e os máximos responsables da xestión dos parques naturais desta provincia para dar conta dos traballos de conservación e mantemento acometidos nos mesmos durante o estado de alarma e avanzarlles que a previsión é que a próxima semana poida procederse á súa reapertura de cara ao público.

Deste xeito e de confirmarse que Galicia entra a partir do 11 de maio na seguinte fase no proceso de reactivación, Vázquez Mejuto trasladoulle á delegada que podería empezar a retomarse a actividade en todos os parques naturais galegos. Cómpre lembrar que Ourense é a provincia cun maior número de parques (tres dos seis existentes na comunidade) polo que a reapertura afectaría á Serra da Enciña da Lastra, ao Invernadoiro e ao de Baixa Limia-Serra do Xurés.

Neste sentido, a conselleira aproveitou a videconferencia para insistir na importancia de que o Estado clarifique canto antes determinados aspectos a ter en conta para poder retomar progresivamente a actividade nestes espazos públicos e nos centros de interpretación vencellados aos mesmos, como poden ser o número de visitantes permitidos ou as franxas horarias. De feito, lembrou que onte mesmo remitiu unha carta á ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, para pedirlle que aclare como vai afectar a seguinte fase aos accesos ao Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia.

En todo caso, Ángeles Vázquez subliñou que durante todo o estado de alarma seguiuse a traballar a porta pechada co fin de manter estes espazos en perfecto estado de conservación, sinalización e limpeza para garantir que chegaran en perfectas condicións ao momento da súa reapertura.

Así, tal e como detallaron os responsables da xestión dos tres parques naturais ourensáns, desde a declaración do estado de alarma a mediados do mes de marzo procedeuse a desbrozar algo máis de 4 hectáreas de terreo, así como á realización de traballos de retirada de árbores caídas, tarefas de mantemento de sinais, e diferentes labores de limpeza e reparacións na contorna.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, reunirase por videoconferencia cos delegados territoriais da Xunta na Coruña e Pontevedra, para falar do funcionamento dos parques naturais en sendas provincias. foto xoán crespo07/05/2020Concretamente, no Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés despregouse unha cuadrilla formada por cinco operarios que actuaron durante os meses de marzo e abril nun total de seis rutas: na ruta de Entrimo; na de Forcadas a Santa Conba; na zona do Viso; Fradealvite-Chaos; Ermille-As Cobchas; e na faixa de incedios de Salgueiros. En total desbrozáronse 2,85 ha.

En canto aos traballos realizados na Serra da Enciña da Lastra, con 0,88 hectáreas desbrozadas, os responsables do parque indicaron que os labores comezaron a mediados de abril e foron desenvolvidos por unha cuadrilla de tres traballadores na zona da Casa do Parque; no Camiño do Parque-Cemiterio; na zona de Fonte-Pavillón; e noutros puntos como Biobra, na área recreativa de Bellido, no campo da festa de Vilar de Silva e na área de recreo do Castaño.

Os tres operarios mobilizados no mes de abril para encargarse do mantemento do Parque Natural do Invernadoiro desbrozaron en total 0,35 ha de terreo e centraron as súas intervencións sobre todo na zona de Peche de Cabras.

Por último, a conselleira agradeceu o traballo realizado por estes efectivos durante o estado de alarma declarado polo COVID-19 co fin de manter e conservar os valores naturais que atesouran os parques naturais. Neste sentido, incidiu na necesidade de manter un mínimo de actividade nestas zonas, cun grupo reducido de axentes que proseguiran coa execución de tarefas imprescindibles para garantir a conservación, vixilancia e mantemento dalgúns dos espazos de maior riqueza natural da comunidade.