Medio Ambiente concede 270.000 euros en axudas a proxectos municipais para a posta en valor das seis reservas da Biosfera

XURES8-49
Medio Ambiente concede 270.000 euros en axudas a proxectos municipais para a posta en valor das seis reservas da Biosfera

111.500 €, foron para proxectos de Bande, Calvos de Randín, Entrimo, Lobeira, Lobios e Muiños

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publicou hoxe no DOG a resolución cos 16 concellos beneficiarios da orde de axudas para a realización de estudos e investimentos vinculados á conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural e á sensibilización ecolóxica nos espazos que forman parte da Rede de Reservas da Biosfera de Galicia. En total, concedéronse 270.173,83 euros en subvencións, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

Cómpre subliñar que este foi o primeiro ano que a Xunta puxo a disposición dos concellos localizados nalgunha das seis reservas da biosfera da comunidade unha liña de subvencións específica dirixida a potenciar e poñer en valor este tipo de espazos naturais. E de cara ao vindeiro exercicio, os orzamentos da Consellería volven contemplar unha partida co mesmo fin, polo que haberá unha nova convocatoria dirixida a colaborar cos concellos na potenciación destas zonas.

A orde enmárcase nas axudas recollidas no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia para o período 2014-2020 e está cofinanciada con fondos europeos. A finalidade é promover a conservación e valorización do patrimonio natural e cultural de zonas rurais cun contrastado valor, como as reservas da biosfera, unha figura de carácter internacional creada pola Unesco para mellorar a relación das persoas coa súa contorna natural.

CONCELLO

RESERVA

NOME DA ACTUACIÓN

IMPORTE

Bande

Gerês-Xurés

Sinalización dos elementos turísticos do Concello de Bande dentro da Reserva da Biosfera

23.035,18 €

Calvos de Randín

Gerês-Xurés

Mellora do sendeiro denominado camiño privilexiado do antigo Couto Mixto

10.117,25 €

Entrimo

Gerês-Xurés

Creación dun centro de interpretación da natureza en San Fiz de Gález

18.960 €

Lobeira

Gerês-Xurés

Mellora da senda peonil Leboreiro-Cabreira nos tramos próximos aos núcleos tradicionais da Fraga e de Baldemir

8.233,35 €

Lobios

Gerês-Xurés

Mellora da senda peonil en Vilameá

23.919,12 €

Muíños

Gerês-Xurés

Mellora da senda peonil do núcleo tradicional de Prado-núcleo tradicional de Xermade-Poza da Fecha- Dolmen Casiña da Moura en Muíños

27.236,52 €

Entre as actuacións subvencionadas ao abeiro desta convocatoria hai proxectos destinados á restauración de ecosistemas naturais, como prados de sega, soutos de castiñeiros ou bosques de ribeira; actuacións de posta en valor da riqueza natural e paisaxística das zonas rurais e dirixidas á conservación do patrimonio inmaterial; inventarios, estudos e campañas de concienciación sobre o medio ambiente; ou actividades de información e sensibilización para a conservación do patrimonio natural dentro das reservas da biosfera.

En canto ás axudas, o importe máximo concedido foi de 30.000 euros por proxecto e solicitante, xa que como figuraba nas bases só se admitía unha solicitude de axuda por cada entidade local. En función do tipo de actividade ou do investimento realizado, os concellos puideron cubrir coa subvención concedida o 100% ou o 80% do custo total da actuación, sempre co límite anteriormente mencionado.