Medio Ambiente lanza a segunda edición do concurso fotográfico ‘#eusonpilabot’ para concienciar sobre a recollida de pilas entre o ensino galego

08_LuisVázquezGarcía_PO_6P
Medio Ambiente lanza a segunda edición do concurso fotográfico ‘#eusonpilabot’ para concienciar sobre a recollida de pilas entre o ensino galego

Os alumnos dos centros participantes na Campaña Pilabot poderán presentar fotografías que incidan na mensaxe de poñer en práctica unha recollida selectiva e a reciclaxe deste tipo de residuos

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de convocar a segunda edición do concurso fotográfico #Eusonpilabot, que ten por obxectivo concienciar á comunidade escolar na necesidade de reciclar e facer unha recollida selectiva deste tipo de residuos.

Este certame está dirixido a todos o alumnado dos centros participantes na campaña para o fomento da recollida selectiva das pilas, Pilabot. Na presente edición, un total de 150 centros de toda a comunidade se sumaron a esta iniciativa, dos cales 62 con da provincia de Pontevedra, 54 da Coruña, 19 de Ourense e 15 de Lugo.

Os particpantes deberán presentar unha fotografía feita por eles mesmos que represente unha imaxe de concienciación sobre a recollida selectiva e a reciclaxe das pilas, polo que deberá aparecer a caixa individual de recollida de pilas que os centros educativos entregan ao alumnado do concurso Pilabot, ao menos unha pila ou acumulador portátil ou imaxes que os representen.

Entre todas as fotografías recibidas realizarase unha selección das obras finalistas por parte dun xurado interno da organización, e estas serán publicadas a través da páxina web www.pilabot.gal e redes sociais para someterse a unha votación pública, de maneira que as tres máis votadas recibirán premio (unha tablet, un altofalante bluetooth ou unha pulseira fitness).

Para presentar unha fotografía a este concurso, os/as interesados/as deberán cubrir o formulario de inscrición que figura na sección do concurso #eusonpilabot (https://pilabot.gal/eusonpilabot/) da páxina web da campaña, aceptar as bases legais, poñer un título á fotografía e achegar o arquivo que desexen presentar.

O prazo de presentación de candidaturas vén de abrirse na xornada de onte, luns 17 de febreiro, e permanecerá aberto ata o día 8 de marzo.Unha vez realizada a selección de finalistas, abrirase o prazo de votación a partir do 13 de marzo e ata o 30 do mesmo mes, período no que todo o mundo poderá votar polas fotografías que máis lle gusten. O 31 de marzo comunicarase o resultado das votacións, dándose a coñecer as 3 máis votadas, que serán as gañadoras.

Campaña Pilabot

sdrA campaña Pilabot, que neste ano é a segunda edición, púxose en marcha pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, en colaboración cos Sistemas Colectivos de Responsabilidade Ampliada do Produtor, Ecopilas, ERP e Ecolec.

O obxecto é fomentar a reciclaxe das pilas entre a comunidade escolar e as familias do alumnado, ao tempo que se facilita información e recursos didácticos para promover actitudes positivas que preveñan os problemas de contaminación que poden ser derivados se non se xestionan de forma adecuada.

A campaña inclúe, ademais do concurso fotográfico, a realización de charlas divulgativas en 50 centros para concienciar ao alumnado sobre a importancia da correcta separación das pilas e o seu depósito nos contedores específicos.

O reto da presente edición é superar os bos resultados acadados durante a primeira convocatoria do concurso Pilabot (2018/2019), na que se recolleron, entre todos os centros participantes, preto de 44 toneladas de pilas, acumuladores e baterías usadas, unhas cifras que representan case a quinta parte das 230,5 toneladas que se recompilaron o ano pasado no conxunto da comunidade autónoma.