MEDIO RURAL AVALÍA COS CONCELLOS AFECTADOS MEDIDAS PALIATIVAS DOS DANOS DO PEDRAZO NA ZONA OURENSÁ DA LIMIA

316
MEDIO RURAL AVALÍA COS CONCELLOS AFECTADOS MEDIDAS PALIATIVAS DOS DANOS DO PEDRAZO NA ZONA OURENSÁ DA LIMIA

Estúdanse posibles beneficios fiscais e melloras nas condicións dos seguros agrarios

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, reuniuse hoxe en San Caetano cos alcaldes de Xunqueira de Ambía, José Luis Gavilanes, e Sandiás, Felipe Traveso, e co concelleiro de Vilar de Barrio, José Manuel Souto. Avaliou con eles os distintos informes de valoración de danos aos cultivos e ás zonas afectadas polo episodio de pedrazo do pasado día 6 de xullo.

A titular de Medio Rural informou aos representantes municipais de que se están a estudar as posibles medidas de apoio aos agricultores afectados, especialmente nos cultivos de cereal (trigo) e de pataca. Entre as principais medidas a habilitar, barállanse a de garantir a liquidez dos préstamos das explotacións afectadas mediante bonificacións ou outras liñas de financiamento. Tamén, solicitar á administración do Estado a redución de módulos do IRPF para os afectados.

Outra medida avaliada nesta xuntanza é a posibilidade de propor á Comisión Territorial de Seguros Agrarios melloras nas condicións das pólizas, así como o posible incremento nas subvencións para a contratación de seguros agrarios.