A mostra, “Leonardo, o músico”, foi inaugurada hoxe e poderá visitarse ata o 23 de febreiro

Inauguración da exposición "Leonardo, o músico".- No centro cultural "Marcos Valcárcel" terá lugar a inauguración da exposición "Leonardo, o músico", con instrumentos musicais deseñados por Leonardo da Vinci e basead
A mostra, “Leonardo, o músico”, foi inaugurada hoxe e poderá visitarse ata o 23 de febreiro
Os instrumentos musicais expostos están “deseñados por Leonardo da Vinci e baseados nas investigacións de Joaquín Saura”

A faceta de músico de Leonardo da Vinci está no centro cultural “Marcos Valcárcel” nunha mostra que, baixo o título “Leonardo, o músico”, reúne varios instrumentos realizados en base ás súas notas e deseños. A inauguración desta exposición, que poderá visitarse ata o 23 de febreiro, tivo lugar hoxe no centro cultural “Marcos Valcárcel”, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o director do centro cultural, Francisco González; e os coordinadores da exposición, Manuel Brañas e Luis Delgado; e o director do Obradoiro de Instrumentos de Lugo, Luciano Pérez.

Os instrumentos musicais expostos están “deseñados por Leonardo da Vinci e baseados nas investigacións de Joaquín Saura”, explicou Rosendo Fernández, quen salientou que ademais, a mostra complétase con instrumentos da época e con traballos do Obradoiro de instrumentos da Deputación sobre o Pórtico do Paraíso da Catedral de Ourense.

Neste mesmo sentido, Francisco González dixo que esta exposición rende homenaxe a un “dos máximos expoñentes do saber do Renacemento, Leonardo da Vinci quen, entre outras cousas, foi filósofo, botánico, enxeñeiro, poeta... e músico, “faceta menos estudada e na que se centra esta mostra con instrumentos realizados en base ás investigacións de Joaquín Saura que forman parte da colección de Luis Delgado”.

O director do centro cultural explicou que completarán esta exposición sobre Leonardo da Vinci, “as visitas guiadas que comezaremos a desenvolver a partir do día 3 de febreiro, dirixidas especialmente aos escolares, así como unha conferencia maxistral que terá lugar o 11 de febreiro e un concerto didáctico con instrumentos da exposición.

Nesta mostra, os visitantes poderán descubrir os instrumentos que Leonardo deseñou e os que se desprenden dos seus apuntamentos e notas, xunto aos que o rodeaban na práctica dos músicos da época. Así, xunto aos cromornos e aos cistros do Renacemento, poderase admirar o órgano de papel ou a viola organista ideados polo propio Leonardo, pasando pola tromba mariña, o regal, a viola de chaves, as nácaras, entre outros.

Inauguración da exposición Luis Delgado salientou a importancia de esta exposición que contén “instrumentos excepcionais” asegurando que de algúns deles “non hai nin referencias en Internet”, e doutros instrumentos “hai moi poucas reproducións”. Así mesmo, Luis Delgado dixo que na mostra hai tres “instrumentos estrela” que son: o órgano de auga, a viola organista e o órgano de papel.
Pola súa parte, Manuel Brañas explicou que na mostra se recollen algúns dos instrumentos que realizamos sobre o Pórtico do Paraíso, mentres que Luciano Pérez afirmou que este tipo de traballos “serven para afianzar o papel de Galicia como pioneiros da recuperación de patrimonio organolóxico”.
Leonardo da Vinci
Leonardo da Vinci nace o 15 de abril de 1452​ en Vinci (Italia), a localidade da que tomará o seu nome para a historia, e falece en Amboise (Francia) o 2 de maio de 1519. A súa figura como músico é quizais unha das súas facetas menos coñecida aínda que sabemos que, como intérprete, tocaba a viola de brazo. A maioría do que coñecemos en canto ás súas capacidades musicais áchase dispersa nos seus cadernos de notas, compartindo lugar e temática con outros dos seus moitos intereses.

Estas notas conteñen incontables ideas, preguntas, experimentos, sensacións, anotacións, inventos e melloras que abranguen a práctica totalidade dos coñecementos da súa época, pero superándoos na maioría dos casos. O seu enorme interese pola música e pola acústica queda plasmado en diferentes lugares dos seus escritos, aínda que ata nós só chegou unha quinta parte deles, perdéndose ademais o seu libro sobre os instrumentos musicais.