Unha moza da Limia pinta unha das fachadas do I Certame de Pintura Mural que se celebra no pobo

pintura iria
Unha moza da Limia pinta unha das fachadas do I Certame de Pintura Mural que se celebra no pobo

A súa obra atópase nun edificio da Avenida de Madrid en Xinzo

Iria Prol Cid é o nome desta moza que ten arte por tódolos lados. Estudou deseño pero a vida levouna ó que máis lle apasiona que é o mundo das belas artes. Ten 30 anos pero xa garda nas súas costas unha gran traxectoria como artista. Con 16 anos pintou por primeira vez un mural en Ourense. Pero foi en Bristol onde realmente explotou a súa arte pintando murais polas rúas da cidade. Alí o concello facilitaba a labor dos artistas proporcionándolles espazos para pintar legalmente. Esta experiencia permitiulle estar en contacto con profesionais do graffiti e aprender novas técnicas.

Un día púxose enferma e para pasar o tempo decidiu facerlle un retrato á súa compañeira de piso. Colgou a súa obra en Facebook e tivo un éxito inesperado. Comezou a ter pedidos e pouco a pouco foi nacendo a Iria Prol máis ilustradora. Hoxe en día mesmo ten pedidos dende Tailandia ou México. Os seus traballos poden verse visitando www.iriaprol.com

Tras pasar unha tempada traballando nunha oficina sentíase apagada e tomou unha dura decisión. Acordou cambiar un salario fixo e apostar por un proxecto persoal facendo deseño artesanal e loitar por vivir desto, da sua paixón, e esa é a súa meta de futuro.

Entre tanto, estes días estivo polo pobo deixando a súa arte nunha das fachadas que forman parte do I Certame de Pintura Mural. En Entroido coñeceu o grupo de rapaces que forman Matrioska e tras visitar a súa sede en Os Blancos, decidiu que quería colaborar con eles. Cando pasen pola Avenida de Madrid e vexan a fachada pintada, sepan que naceu das mans dunha veciña de Xinzo que de seguro logrará vivir da súa arte.