Os Museos das Estacións do Inorde abrirán durante a Semana Santa con visitas guiadas

Museos das Estacións do Inorde en Semana Santa
Os Museos das Estacións do Inorde abrirán durante a Semana Santa con visitas guiadas
Desde o 12 ao 18 de abril, incluídos

Museo do ferrocarril, o do Traxe Tradicional Galego, o Automóbil, e o do artista Moncho Borrajo

Os Museos que ten o Inorde nas antigas Estacións de tren abrirán durante a Semana Santa, desde o 12 ao 18 de abril, para ofrecer unha alternativa de lecer cultural e familiar. Os horarios dos espazos expositivos serán: o Museo do Traxe Tradicional Galego e do Automóbil–Fundación Estanislao Reverter, ubicados na estación de Santa Cruz de Arrabaldo, e o Museo Moncho Borrajo na estación de Baños de Molgas de 16.00 a 20.00 horas; e, pola súa parte, a Aula-Museo do Ferrocarril na estación dos Peares (A Peroxa) de 10.00 a 14.00 horas.

Ademais, co obxectivo de divulgar parte da historia e da etnografía ourensá que albergan os “Museos das estacións” do Inorde, realizarase durante a última hora de cada sesión, unha visita guiada en cada un deles para un grupo máximo de 20 persoas. Así mesmo, todos os visitantes que pasen polos tres museos e selen o seu “billete de tren” participarán no sorteo dunha visita guiada por Ourense dunha hora e media de duración doada por Xeitura.