Musiqueando 2022 dende o IES Cidade de Antioquía

Alumnado participando en Musiqueando 2022
Musiqueando 2022 dende o IES Cidade de Antioquía
130 alumnos/as de ESO e Bacharelato que interpretaron o baile

No IES Cidade de Antioquía participaron arredor de 130 alumnos/as de ESO e Bacharelato que interpretaron o baile no espazo da horta que ten o centro para o alumnado de ciclo de agraria. Esta semana pendurarase o traballo nas redes sociais coas etiquetas: #musiqueando 2022, #nosimportalamusica.

Agradecemos a todo o alumnado a súa participación e entusiasmo e ao profesorado que colaborou nesta actividade.

A COAEM (Confederación de Asociacións de Educación Musical do Estado Español) organiza cada ano unha proposta chamada Musiqueando, co obxectivo de visibilizar a importancia da música no ensino. Este ano a proposta é galega, ao vir da man do bailarín e músico Artur Puga, quen se encargou de idear unha coreografía para o tema “Terra” de Tanxugueiras..

Neste mes no que acaba de publicarse o currículo da ESO e Bacharelato da nova lei educativa, a LOMLOE, esta data vólvese máis unha reivindicación que unha celebración.

É moi desalentador comprobar como a música en Galicia (a diferenza doutras comunidades do estado español) queda como unha das materias con menos presenza no currículo da ESO: a única, xunto con Educación plástica, que non se oferta en todos os grupos de ESO (nin sequera como materia optativa), sumándolle ademais o feito de ser as materias con menor carga lectiva: 4 horas en toda a etapa da ESO.

Este escenario é aínda máis preocupante no bacharelato, etapa na que soamente poderá ofertarse como optativa de modalidade non cursada, competindo con outras moitas materias, facendo moi difícil que saia adiante...

Dende Asomúsica (asociación de profesores de música) estase a denunciar esta redución horaria, que pon en perigo a educación artística e a cultura musical de base das novas xeracións.