Nace a Asociación Teatro Aneis para que máis de 50 persoas non perdan as súas clases

Nace a Asociación Teatro Aneis para que máis de 50 persoas non perdan as súas clases

Tomaron a decisión ante a falta de apoio do concello de Xinzo

Máis de 20 anos de clases de teatro en Xinzo que a piques estiveron de desaparecer. O Concello comunicoulles ós alumnos que non podían costear o teatro e ante o risco de perdelo todo, 5 persoas decidiron xuntarse e formar a Asociación Teatro Aneis, seguindo o consello do concelleiro de cultura.

Iván López presidente,Luisa Pérez como vicepresidenta, Mónica Gómez secretaria, Pepita Araújo tesoureira e Jessica Martínez como vocal. Eles os cinco sacaron adiante a asociación para non deixar a case 60 alumnos sen teatro e para que o maestro Manolo Fontemoura seguira creando e transmitindo a arte escénica.

Están facendo un gran esforzo por manter este proxecto."Nós somos os que creamos todo e estamos costeando cos nosos cartos as clases, o profesor e todo", sinala Mónica Gómez. Piden axuda de colaboradores para poder manter o teatro, poden ser persoas físicas que por 5 euros ó ano se farían socios da asociación, ou os establecementos por 30 euros a cambio de promoción. A cada socio entrégaselle unha carta co carné e un desconto nunha clínica dental que colabora. "Somos unha asociación sen ánimo de lucro, non pedimos cartos para nós senón para manter as clases e a cultura", apunta Luisa Pérez. Logo de que leven un ano inscritos como asociación xa poderán optar a algunha subvención.

Toda a labor que fan é para manter a que é a escola de teatro máis grande de toda Galicia a nivel concello, pero sobre todo, para non romper coa paixón de multitude de alumnos e polo profesor Manolo que estaba disposto a dar as clases gratis con tal de que non desaparecera o teatro en Xinzo. Dáse o caso de rapaces de 18 anos que levan dende os 3 acudindo a clases, ou recén anotados que correrían o risco de quedar sen nada.

A escola de teatro xa ten actuado nos escenarios de Verín, Ourense e mesmo Oporto e Bilbao, e por suposto Xinzo onde tamén teñen feito monólogos en locais da zona."Facemos moitas cousas como nas Letras Galegas ou mesmo nas festas de Xinzo pero nunca nos nombran como Teatro Aneis" matiza Pepita Araújo.

A Asociación Teatro Aneis naceu hai dous meses e coa ilusión coa que se creou sacarán adiante o seu propósito de loitar pola cultura. Se queren facerse socios ou socias poden chamar ó 626 53 36 43 e preguntar por Luisa Pérez a vicepresidenta.