As nosas médicas de atención primaria de Xinzo fóronse a Irlanda

Cristina Margusino e as súas compañeiras
As nosas médicas de atención primaria de Xinzo fóronse a Irlanda
A participar nun congreso internacional como gañadoras da Beca de Medicina Rural

A experiencia do equipo de sanitarios de Xinzo de Limia gañador da Primeira Beca de Medicina Rural chegará moi lonxe. O grupo que lidera Cristina Margusino e que promoveu as xornadas de atención sociosanitaria na Limia conseguiu este galardón que outorga a Asociación de Médicos Galegos e a Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia e participa nestes días no Congreso Internacional Wonca, na localidade irlandesa de Limerick.

Foi precisamente no mes de xuño do ano pasado cando se retomaron na Casa da Cultura de Xinzo de Limia, e despois do parón da pandemia, as xornadas que resultaron premiadas coa Primeira Beca de Medicina Rural. Participaron unha ducia de poñentes entre profesores universitarios, médicos, enfermeiros ou traballadores sociais, entre outros. Este proxecto de atención sociosanitaria no rural será agora compartido en Irlanda e, de seguro, servirá para guiar a outros expertos nesta especialidade. O obxectivo do congreso é compartir ideas e coñecer outros servizos do mundo e os traballos.

congreso2

A alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, quixo felicitar en nome do Concello ao equipo dirixido por Cristina Margusino e mostrouse “profundamente satisfeita coa representación e co traballo das profesionais sanitarias do Centro de Saúde de Xinzo de Limia como referentes de atención primaria á cidadanía no Congreso Wonca en Irlanda”. A rexedora engadiu que “o seu traballo e dedicación coa poboación rural son a base dun traballo premiado e recoñecido a nivel internacional”.

As xornadas, que apoiou o Concello de Xinzo de Limia, foron deseñadas para favorecer o encontro dos axentes que atenden á poboación e os veciños para describir problemas relacionados coas enfermidades e a forma de afrontalos. Nunha zona rural como a da Limia, a relación entre pacientes, coidadores, institucións municipais e organizacións sociais é estreita.

Wonca é a Organización Mundial de Médicos de Familia. Fundada en 1972, hoxe ten representación en 131 países e agrupa ao redor de 500.000 médicos desta especialidade. A entidade organízase en once grupos de traballo, un deles dedicado á Práctica Rural, que agora celebra en Limerick (Irlanda) a World Rural Health Conference 2022.