Unha nova oficina en Xinzo para impulsar a transición dixital das pemes, autónomos e emprendedores

Reunión Manuel Baltar (Presidente Deputación) con Fernando Suárez (Xefe da Area de transparencia da Deputación Ourense) para a concreción do Proxecto Acelera Pimes.
Unha nova oficina en Xinzo para impulsar a transición dixital das pemes, autónomos e emprendedores
Traballarase na estratexia e cultura dixital, a relación co cliente, os novos produtos e servizos e a seguridade informática

O proxecto AcelerOU, é un programa que busca impulsar a adopción de tecnoloxías dixitais por parte das pemes, autónomos e emprendedores da provincia.

Manuel Baltar reuniuse onte co director da Área de Transparencia e Goberno Aberto, Fernando Suárez, para avanzar nun proxecto que busca axudar, “na transformación da economía e da sociedade cara a unha contorna dixital, un movemento imprescindible para fixar poboación e seguir potenciando o rural”, segundo explica o presidente da Deputación, que remarca que “neste contexto de transformación dixital, é imprescindible impulsar dende as administracións públicas este cambio. E aí, AcelerOU convértese nunha nova ferramenta pública desenrolada dende este goberno para estimular a sensibilización, formación e concienciación da sociedade”.

AcelerOU conta co respaldo de concellos e outros colaboradores

Manuel Baltar resalta o apoio recibido por AcelerOU de concellos de toda a provincia e axentes colaboradores en diferentes ámbitos, como pode ser a Universidade de Vigo, as entidades potencialmente demandantes de tecnoloxía -CEO, Confederación de Empresarios de Hostalería, Consellos reguladores, …-; as vencelladas ao coñecemento e a oferta tecnolóxica -Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia (CPEIG), o Clúster TIC, a Tecnópole…-; entidades autonómicas de apoio á innovación coma a Axencia Galega de Innovación (GAIN) ou a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), así como asociacións de desenvolvemento rural.

Tamén é importante o apoio de entidades enfocadas á muller, como a Asociación Galega de Mulleres Rurais ou Executivas de Galicia, nun programa que ten coma un dos seus principais obxectivos potenciar a participación das mulleres nas actividades propostas para fomentar o autoemprego feminino.

Unha oficina física en Xinzo e outra itinerante, ademais dunha oficina virtual

O proxecto AcelerOU, cunha duración de 24 meses, abarcará un amplo abanico de temáticas con relación á dixitalización dos usuarios. Entre outros, traballará na estratexia e cultura dixital; a relación co cliente: visibilidade e comercialización; procesos internos; novos produtos e servizos e Seguridade informática. Entre os obxectivos inclúese tamén o asesoramento e apoio en todo o relacionado cos trámites do programa Kit Dixital.

Executar estes servizos e estendelos por todo o territorio da provincia de Ourense lograrase mediante unha estratexia que combinará unha oficina física permanente nas instalacións do Inorde en Xinzo e unha oficina itinerante, con estancias semanais en municipios de todas as comarcas ourensás.

Ademais, establecerase unha oficina virtual, aberta 24 horas ao día os 7 días á semana e que combina un sistema de “chatbot” conversacional cunha interacción dentro dun contorna web tipo ou mediante a recreación dun espazo de realidade virtual 3D.

Tamén se celebrarán sesións de “networking” para conectar a oferta coa demanda tecnolóxica relacionada coa transición dixital.