Parado o proxecto de Greenalia en Baltar, Calvos e Blancos

Serra do Larouco vista dende Baltar
Parado o proxecto de Greenalia en Baltar, Calvos e Blancos
Rexistráronse 1.756 alegacións, a maior oposición social entre todos os proxectos que saíron a exposición pública na provincia, grazas ao traballo das veciñas directamente afectadas e da organización da loita nas comarcas limiás

A presión veciñal, con máis de 1.500 alegacións ("presentadas por 1.756 particulares, asociacións de ámbito ecoloxista e asociacións de veciños",como lembra a resolución) recollidas contra o proxecto denominado Lamas de Feás e máis de 800 alegacións contra o Lamas II --en realidade un mesmo macropolígono eólico entre A Aguioncha e Pena Loba, nos concellos de Baltar, Os Blancos e Calvos de Randín, que inclúe a orixe da LAT de 42 quilómetros que Greenalia pretende instalar entre eses montes e a subestación da Frieira, en Padrenda, atravesando 8 concellos da Limia, Baixa Limia e Terra de Celanova-- e as achegas dos colectivos medioambientais e defensa do territorio durante o reducido período de participación pública permitiron que a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) emitida con data do pasado venres pola Consellería de Medio Ambiente resultase desfavorábel.

fONTE DA CUNCA
FONTE DA CUNCA

É o primeiro chanzo na batalla administrativa contra a execucións de megaestruturas industriais nos montes entre A Aguioncha e Pena Loba, despois de que o rexeitamento social se fixese patente nas aldeas de Feás, Padroso, Lobás e outras de Calvos de Randín que culminou na marchas en defensa da Aguioncha o pasado verán, e máis adiante nas aldeas de Covas, Fontearcada e outras dos Blancos que culminou o 11 de decembro durante a concentración en Xinzo polo Día das Montañas. Tamén a veciñanza de Baltar, enfocada a súa loita na defensa do Larouco, colaborou solidariamente en todas as accións emprendidas pola plataforma STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA contra os proxectos Lamas de Feás, Lamas II e LAT de Greenalia, que hoxe a Xunta vén de poñer en cuestión.

É o primeiro chanzo máis a loita continúa. Greenalia intentará continuar a tramitación dos seus proxectos, mais xa sabe que xunto á veciñanza terá diante o FONDO PARA A DEFENSA XURÍDICA DAS MONTAÑAS DA LIMIA-XURÉS-CELANOVA que se porá en marcha nos próximos días.

Tamén a través dunha xeira de mobilizacións que empezarán o 26 de marzo en Celanova e Verea coa II MARCHA EN DEFENSA DO MONTE DA NEVE, e na que se dará conta de todas as loitas desde o Larouco até o Xurés contra a invasión eólica que non se detén e continúa tendo baixo ameaza as nosas montañas cos proxectos PE San Martiño (Baltar), PE Mistral (Baltar), PE Tramontana (Baltar, Xinzo, Cualedro), PE Monte Grande (Bande, Verea), PE Monte da Neve (Celanova, Verea), LAT do Larouco (Baltar, Xinzo) e LAT do Xurés (Baltar, Calvos, Muíños).