O parque de Lamas de Feás non supón “efecto algún” sobre os espazos protexidos

greenalia-aerogenerador-ep
O parque de Lamas de Feás non supón “efecto algún” sobre os espazos protexidos

A empresa somete a información pública o proxecto eólico

A alternativa elixida para o desenvolvemento do novo proxecto eólico Lamas de Feás, previsto nos concellos ourensáns de Baltar, Calvos de Randín e Os Blancos, non supón “efecto algún, directo nin indirecto”, afirman desde a compañía Greenalia, “sobre os espazos protexidos nin a Rede Natura 2000”.

O parque eólico, de 33 MW e cunha produción prevista de 103.174 MWh/ano, estará composto por 7 aeroxeradores de 5 MW, unha altura de buxe de 127,5 metros e 145 metros de diámetro de rotor. Para a súa posta en marcha estímase un investimento superior aos 27 millóns de euros. Unha cantidade á que se suman 650.000 € destinados ás administracións locais a través de taxas e impostos.

A compañía deu un paso máis na súa tramitación tras someter a información pública durante trinta días o proxecto coa súa publicación no Diario Oficial de Galicia ( DOGA) o pasado 19 de abril, polo que as alegacións poden presentarse ata o 19 de maio.

Polo que respecta ás Reservas da Biosfera, parte das novas estruturas do parque prevense na denominada zona de transición da Reserva Transfronteiriza Gerês- Xurés, situándose, con todo, afastado a máis de 5,5 quilómetros da zona de núcleo, aspecto tido en conta á hora de realizar a valoración ambiental, di a empresa.

Montes de Porqueira
Montes de Porqueira

O estudo ambiental recolle a posta en marcha de medidas correctoras na flora. Neste apartado destaca o proceso de revexetación do hábitat que se poida ver afectado durante as obras, de modo que unha vez que estas conclúan realizarase unha revexetación de case 39.000 m2. A zona mellorarase, así mesmo, coa limpeza da biomasa existente.

Por outra banda, a plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova denunciaba hai tres días a "complicidade" dos alcaldes de Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín, Bande, Verea e Celanova co "gran espolio de Terras Altas que están a executar Greenalia e outras".

A intervención, o sábado 30 de abril, da alcaldesa de Porqueira, sacou á luz a liña de alta tensión que conectará os proxectos eólicos das corporacións enerxéticas desde a raia seca da Limia ata Terras de Celanova coa central de Frieria no Miño. A plataforma di que a rexedora "cumpre co deber democrático de informar que vai no seu cargo", "pero o resto de alcaldes, non". "Están, de maneira pasiva ou activa, favorecendo a invasión eólica e a ocupación dunha parte valiosísima do territorio", aseguran. A este respecto, fontes municipais dos concellos polos que pasa a Linea de Alta Tensión ( LAT) refiren que “son proxectos supramunicipais” sobre os que os municipios “non teñen competencias”, aínda que aseguran que manteñen aos veciños informados en todo momento e explican as accións que poden emprender se así o consideran. As mesmas fontes manifestan o importante papel que teñen as comunidades de montes e as comunidades de augas, así como outras entidades veciñais no seu papel de información á comunidade local. Pola súa parte, a Plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova xa ten un modelo para presentar alegacións.

M.T.