A pataca será o tema das III xornadas de “Conversas de taberna”

BBKXF0 Potatoes
A pataca será o tema das III xornadas de “Conversas de taberna”

No Museo da Limia este sábado 7 de abril ás 17:00

BBKXF0 PotatoesTralas dúas primeiras edicións en que se trataron respectivamente os novos emprendementos que teñen xurdido no rural da comarca e as loitas ambientais presentes, o Museo Etnográfico da Limia organiza este sábado 7 de abril ás 17:00 as que serán as súas III Conversas na Taberna que, tal como en edicións precedentes, terán como escenario a sala “A Tenda” do espazo museístico. Desta volta o tema que anima o encontro é a Pataca, cultivo de singular importancia na nosa comarca e da cal se abordará o seu presente e o seu futuro, contando para iso coa presenza de Amador Díaz Penín, propietario de “Patatas Ama” e presidente da recentemente constituída Asociación de Produtores de Pataca da Limia, Xosé Antón Gándara Alonso, almacenista e propietario de “Patatas y Cebollas Gándara” e José Ángel Sotelo Castro, propietario de “Patatas Fritas Guays”. A través destes tres intervenientes preténdese facer unha abordaxe global sobre a cuestión ao viren estes, a representar o cultivo, a almacenaxe e a transformación do tubérculo.

Esta nova edición das Conversas na Taberna é a primeira deste ano 2018 no que desde o Museo e, a través da referida actividade, se pretenderá abordar a relación dos homes e mulleres da comarca co territorio.