Pazolandia, o maior parque de atraccións estacional de Galicia, abre as súas portas o vindeiro día 26 no “Paco Paz”

Presentación de Pazolandia. Asisten Manuel Baltar (Presidente Deputación), Bernardino González (Asesor de Deportes) e Angel Cid (Director do Pazo dos Deportes "Paco Paz").
Pazolandia, o maior parque de atraccións estacional de Galicia, abre as súas portas o vindeiro día 26 no “Paco Paz”

O evento infantil, organizado pola Deputación de Ourense, chega á súa 22ª edición e prevé a visita dunhas 30.000 persoas, 4.000 delas nenos de toda a provincia

Pazolandia, o evento infantil organizado pola Deputación de Ourense dende 1993, que converte o Pazo dos Deportes \“Paco Paz\” no maior parque de atraccións estacional de Galicia, abrirá as súas portas o vindeiro xoves, 26 de decembro, e ofrecerá sesións ata o 4 de xaneiro. A presentación do programa deste ano tivo lugar hoxe, coa presenza do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, do director xerente do Pazo dos Deportes, Ángel Cid, e do asesor de Deportes da Deputación, Bernardino González.

Un ano máis prevese que unhas 30.000 persoas (4.000 delas nenos e nenas duns 60 concellos da provincia de Ourense) visiten Pazolandia nestas datas de Nadal. En total, a organización pon a disposición dos visitantes uno 8.000 metros cadrados de instalacións que acollerán máis de cen actividades lúdicas e de lecer, entre atraccións clásicas de feira, obradoiros, simuladores e ludoteca. Na actividade traballan oitenta persoas, entre persoal das atraccións, limpeza, monitores de animación, técnicos electricistas e de mantemento, montadores, coidadores, taquilleiros, Cruz Vermella, médicos, vixilantes e persoal administrativo.

Pazolandia, que este ano cumpre a súa 22ª edición, desenvolverase do 26 de decembro ao 4 de xaneiro, con dúas sesións diarias, de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas. Nove días de actividade para un total de dezasete sesións. O prezo da entrada mantense ao igual que o ano pasado en 4 euros.

Entre as novidades deste ano destacan \“Os Bolechas\”, os bonecos da TVG, que estarán o día da inauguración, 26 de decembro; un simulador de 3D e dúas novas atraccións no exterior do Pazo dos Deportes. Tamén se incrementarán os obradoiros, e nos exteriores haberá unha noria e unha pista xigante de autos de choque.

Manuel Baltar dixo na presentación que este esforzo que a Deputación de Ourense ven facendo por esta actividade dende o ano 1993 \“está directamente vencellado á infancia e á mocidade, e temos moito que agradecer aos responsables desta instalación, encabezados por Ángel Cid, por converter cada nadal a este espazo deportivo nun lugar de lecer para os máis novos\”. Baltar explicou que tamén foron convidados os nenos e nenas tutelados por centros benéficos \“para que ningún neno de Ourense se vexa privado por razóns económicas de disfrutar desta festa da infancia que supón Pazolandia\”

O presidente provincial considera \“que todo o que se faga pola infancia é pouco, e de feito, dende a Deputación estamos poñendo en marcha cuestións novidosas como as axudas para o mantemento dos Puntos de Atención a Infancia no ámbito municipal e tamén desenvolvemos actividades na Semana Escolar das Letras Galegas, na Semana Escolar da Provincia e realizamos este ano o primeiro concurso sobre o Estatuto de Autonomía de Galicia, e presentamos tamén a Granxa Escola de Armariz, iniciativas todas orientadas a axudar, formar, informar e sensibilizar aos nosos nenos e nenas\”.