O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, aproveitou a súa visita ao xacemento romano Aquis Querquennis, para coñecer de primeira man os traballos arqueolóxicos realizados grazas aos investimentos de 50.000 euros outorgados polo Goberno de España, a través da Confederación Hidrográfica Miño Sil e o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, á Fundación Aquae Querquennae, encargada de realizar o proxecto arqueolóxico.
Pedro Blanco desprazouse ata o complexo, situado no embalse das Conchas, dentro da demarcación do concello de Bande. Alí mantivo un encontro co responsable das escavacións, Santiago Ferrer Sierra, quen lle explicou de primeira man os últimos avances que se están desenvolvendo e os traballos de restauración e recuperación de toda a zona occidental do campamento. Na visita tamén estivo presente o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González.

A este respecto, o delegado puxo o complexo romano Aquis Querquennis como exemplo da aposta do Goberno pola “recuperación do noso patrimonio e da nosa historia contribuíndo ao apoio do patrimonio cultural e arqueolóxico”.
Ademais, destacou que a súa localización, enmarcada nas inmediacións do parque natural transfronteirizo Geres-Xurés e as termas naturais de Bande, “potencian o desenvolvemento turístico da comarca da Baixa Limia”. Así mesmo, reivindicou a necesidade de que haxa unha “colaboración interinstitucional” entre as diferentes administracións estatais, autonómicas e provinciais para que os traballos, dun importante valor patrimonial e histórico, se continúen levando a cabo.
Aquis Querquennis
O conxunto Aquis Querqueinnis, coñecido coloquialmente como A Cibdá, está situado na parroquia de Baños de Bande, nas ribeiras do río Limia. Actualmente, conta tamén co centro de interpretación Aquae Querquennae – Via Nova que alberga un museo e varias salas explicativas do complexo arqueolóxico.
As escavacións deste complexo realízanse dende o ano 1975. Primeiramente baixo a dirección de Antonio Rodríguez Colmenero, despois de ser descuberto nos anos 20 do pasado século por Florentino López Cuevillas e Vicente Risco