A plataforma veciñal Auga limpa xa! celebra a constitución da Mesa da Limia

rio
A plataforma veciñal Auga limpa xa! celebra a constitución da Mesa da Limia

Esiximos que se desenvolva axiña o plan de tratamentos de residuos anunciado

A Mesa da Limia é un instrumento indispensable de diálogo entre os distintos actores sociais, económicos e políticos dunha comarca tan complexa e con tanto potencial de futuro.Vimos neste primeiro encontro o inicio da busca de solucións efectivas para a contaminación dos acuíferos do Val do Limia por mor dos residuos das máis de 400 explotacións gandeiras industriais. A continuade desta mesa é unha obriga para buscar alternativas, ideas, proxectos para un dos pulmóns agrograndeiros pero tamén ambientais de Galicia.

Esiximos que se desenvolva axiña o plan de tratamentos de residuos anunciado hoxe

Para esta plataforma foi moi positivo que tanto o Conselleiro do Medio Rural, José González, como a principal industria cárnica que opera na Limia, Coren, recoñeceran que urxe poñer en marcha un plan integral para xestionar correctamente os xurros e a galinácea das macrogranxas. Tomamos nota da gran preocupación do Conselleiro do Medio Rural e esperamos que siga co mesmo énfase tanto no diálogo como na busca de solucións, que esperemos cheguen axiña. José González anunciou ante a representante de Auga limpa xa! ante varios alcaldes da Limia, Coren, sindicatos agrarios, Adegal, a Sociedade Galega de Historia Natural e o Movemento Ecoloxista da Limia que xa están a desenvolver na Consellería do Medio Rural o borrador dunha lei que regule o tratamento dos residuos da gandeiría intensiva. Como plataforma estaremos moi atentas a ese borrador e que as propias palabras do Conselleiro non as leve o vento e que se materialicen. Insistimos ademais en que a carga gandeira, como amosan as analíticas de nitratos da propia Confederación Hidrográfica do Miño Sil, é xa insostible, reclamamos tamén unha moratoria na instalación de novas granxas industriais.

Defendemos unha comarca agrogandeira viva e con futuro

Dende Auga limpa xa! queremos salientar que nós somos as primeiras sabedoras das dificultades de buscar solucións, pero isto significa un avance para ir emprendendo un camiño na boa dirección, hai que seguir dando pasos efectivos para convertir o Val da Limia en dúas comarcas agrarias e gandeiras rendibles e sustentables. Defendemos unha vida digna e saudable no rural, onde todas poidamos respirar aire puro e beber auga limpa e onde as gandeiras e gandeiros, as agricultoras e os agricultores reciban uns prezos xustos pola súa produción. Así que pese as dificultades sigamos camiñando todas xuntas na construcción dun Val da Limia mellor.