O pleno de Xinzo apoia a solicitude de utilización do DMN por parte dos produtores de pataca, para poder almacenala e que non agrome

Defensa da utilización do producto natural DMN
O pleno de Xinzo apoia a solicitude de utilización do DMN por parte dos produtores de pataca, para poder almacenala e que non agrome
Tódolos grupos apoiaron a proposta feita no pleno de onte xoves

Por acordo de todos os grupos políticos deuse luz verde á moción conxunta dos grupos municipais de PSdG-PSOE, AXIL, XA, BNG e da concelleira non adscrita para solicitar ao Goberno Central a autorización excepcional na comarca da Limia do uso do antexermolante DMN. Así explicou o concelleiro de Medio Rural, Amador Díaz, a importancia que ten a proposta para Xinzo de Limia, unha vez que a Comisión Europea xa non autoriza o Clorprofam: “Esta é unha comarca agrícola por excelencia e a que máis conserva a pataca. O noso éxito é precisamente ese, pero isto supón a adecuación das naves e poder facer un tratamento efectivo. O DMN vén dun composto natural da propia pataca que xa se autorizou noutros países como Alemania, Bélxica ou Francia”

Este produto natural antexermolante xa é empregado en varios países de Europa e no noso aínda non está autorizado polo Ministerio. Segundo aclarou o portavoz do PP, en consulta feita polo grupo a Consellería de Medio Rural, está habendo un problema de que a firma que o comercializa, non presentou ben a documentación necesaria.