POSICIONAMENTO DE XINZO ADIANTE CON RELACIÓN AOS PANEIS INFORMATIVOS E OUTROS ACONTECEMENTOS DO ENTROIDO

cats
POSICIONAMENTO DE XINZO ADIANTE CON RELACIÓN AOS PANEIS INFORMATIVOS E OUTROS ACONTECEMENTOS DO ENTROIDO

En primeiro lugar queremos manifestar que a idea de colocar os controvertidos paneis con fotos e citas sobre o Entroido de Xinzo pareceunos boa e moi interesante.

Agora ben, o mesmo día en que se estaban colocando os devanditos paneis, algunhas persoas viñeron falar con noso portavoz, Manuel Pérez Campos, advertíndolle de que eses paneis se estaban colocando sen autorización, tanto de Patrimonio como das persoas propietarias das fachadas onde se estaban colocando.

Efectivamente, Xinzo Adiante puido saber que nin por parte da Comisión do Entroido nin polo Grupo de Goberno do Concello se pedira autorización a Patrimonio para poder instalar eses paneis. Non así as autorizacións por parte da propiedade das fachadas, xa que falamos con algunhas desas persoas e dixéronnos que si lles pediran permiso para poder colocalos.

Ante esta situación, para nós é moi grave que dende o Grupo de Goberno do Partido Popular non se realizasen os trámites oportunos ante Patrimonio, o que tería evitado a polémica.

Ante esta situación, meditamos sacar un comunicado denunciado esta irregularidade ou deixar rematar o Entroido para facelo. Para nós pesou máis o interese da festa e, como o mal xa estaba feito, deixar que a cidadanía puidese gozar desa mostra e tomamos a decisión de denunciar os feitos unha vez rematado o Entroido. E, como é lóxico, no próximo pleno pediremos explicacións sobre este feito.

Tamén consideramos lamentable que PP e PSOE, que sempre están pedindo a outras forzas política que hai qué ter mais visión de Estado, nesta ocasión actuasen como criaturas que collen “berrinches” e se enfadan por menos de nada, e que non tivesen as miras suficientes para facer algo positivo por esta festa e non se enredar nunha liorta política que non favorece a ninguén e coa que só perde toda a veciñanza de Xinzo. Uns por irresponsabilidade e omisión dos seus deberes como grupo de goberno; e o PSOE por querer agarrarse a todo aquilo que cre que lle pode dar réditos políticos crearon un profundo malestar entre a veciñanza, que lamentamos profundamente.

Do mesmo xeito, queremos manifestar o noso estupor ao saber a través dos medios de comunicación que a Comisión do Entroido lle prohibise a un feirante a vender salchichas, bocadillos e hamburguesas. Como é lóxico e ante as queixas deste feirante, o Concello tivo que dicirlle que seguise facendo o seu traballo. Cremos que a comisión non ten competencias nesta materia e o seu proceder non ten xustificación.

Estamos nun Entroido declarado, hai pouco, de interese turístico internacional e con este tipo de actitudes e comportamentos non favorecemos para nada esta nova distinción. Tamén lles rogamos ás outras forzas políticas que nunca máis se empregue o Entroido para tratar de acadar rendibilidade política. Está ben pedir explicacións e responsabilidades a quen sexa preciso, pero o momento de facelo hai que medilo moi ben, para evitar empañar esta festa tan importante para as veciñas/os de Xinzo e para a nosa economía local. Non se pode danar a imaxe do noso Entroido. Así perdemos todas/os.