O PP solicita que o Concello faga públicas ás analíticas das augas

Grupo pp xinzo
O PP solicita que o Concello faga públicas ás analíticas das augas
Tamén convocar unha Comisión Informativa para tratar as posturas de cada grupo neste tema, e se fose necesario, debatelo nun plenario.

Fai unha semana, no Pleno ordinario de agosto, aprobamos por unanimidade, a moción presentada polo noso Grupo Municipal, en defensa da Mesa da Limia; para que siga achegando propostas para a regulación da xestión de residuos animais, nun modelo baseado no respecto ao Medio Ambiente e na excelencia da calidade dos nosos produtos; apertura de novo da planta de Sarreaus e creación dunha nova que dean tratado todo o exceso de xurros das nosas explotacións; todo elo coa involucración da Confederación Hidrográfica Miño-Sil. Defendendo tanto ao noso agro como a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas.

Salientar unha vez máis a importancia que ten o sector primario no noso Concello e na nosa comarca, vital en todos os sectores sociais e económicos da Limia.

Desmitificar a mala calidade das nosas augas potables coas analíticas das mesmas, onde todos os parámetros son normais e bos para o consumo diario, sen envexar a ningunha da nosa provincia ou da Comunidade.

Dende o ano 15 se leva a traballar entre as institucións nacionais, europeas e o sector agropecuario; no programa Life Regenera Limia para recuperar a calidade Medio Ambiental da nosa bisbarra.

Todos estes puntos son moi importantes, para a calidade de vida da veciñanza deste Concello e da Limia. Puntos nos que se está a traballar, dende fai tempo, por todas as partes implicadas.

Por desgraza, nesta semana fomos protagonistas de algo que non favorece a imaxe dos nosos produtos nin do noso Concello. Imaxe danada polas novas que se poden ver nos medios nestes días e que distan moito do día a día na convivencia neste Concello. Todo elo iniciado pola colocación dun stand con mesa de información, sen autorización, ou sexa ilegal, na feira do 14 de agosto; no cal se repartían panfletos, se pedían sinaturas, con venda de camisetas e se informaba gravosamente contra o noso agro e o estado das nosas augas; sen o permiso pertinente de colocación tanto do Concello de Xinzo de Limia como da Subdelegación do Goberno na provincia de Ourense. Provocando ao final da mañá un triste altercado entre persoas vinculadas ao sector agrogandeiro da Limia e os/as informantes do stand.

SOLICITAMOS QUE:

1.- O Grupo de Goberno do Concello de Xinzo de Limia faga as actuacións necesarias para evitar a repetición deste tipo de actos, sen autorización e ilegais, en calquera evento ou acto público, como sucedeu na feira pasada; que graven a imaxe do noso sector agropecuario.

2.- Se fagan públicas as analíticas das nosas augas para tranquilizar a veciñanza, para o uso, tanto de consumo como para hixiene.

3.- Convocar unha Comisión Informativa para tratar as posturas de cada grupo neste tema, e se fose necesario, debatelo nun plenario.

4.- Que o Grupo de Goberno solicite ao GDR A Limia-Arnoia unha reunión urxente da Mesa da Limia, para seguir avanzando no tema dos xurros na nosa bisbarra, comunicando a veciñanza as actuacións e medidas que se están tratando para mellorar a calidade do medio ambiente de A Limia.

5.- Convidar aos Concellos da comarca a súa adhesión a moción aprobada no anterior pleno, para a defensa da Mesa da Limia.