PRESENTACIÓN DE VÉRTICE DE VERSOS EN CELANOVA: PRIMEIRO DOCUMENTAL QUE SE ADENTRA NA POESÍA GALEGA ACTUAL

33
PRESENTACIÓN DE VÉRTICE DE VERSOS EN CELANOVA: PRIMEIRO DOCUMENTAL QUE SE ADENTRA NA POESÍA GALEGA ACTUAL

Este sábado, 7 de abril ás 19:30 horas

Este sábado, 7 de abril ás 19:30 horas, terá lugar no Auditorio Municpal Ilduara de Celanova a presentación do primeiro traballo como director de Carlos Lorenzo, veciño das Terras de Celanova.

Vértice de Versos é unha longametraxe documental na que se repasa o acontecido desde os anos 90 no universo poético de Galicia onde unha nutrida xeración de poetas chaman a atención pola calidade das súas creacións. Moitos dos seus poemas traspasan as nosas fronteiras traducidos a outras linguas. Críticos, editores e o propio colectivo de escritores e escritoras explican o que pasou nos últimos 25 anos neste vértice xeográfico. Coñecer de preto a poetas como Yolanda Castaño, Baldo Ramos, Emma Pedreira ou Gonzalo Hermos axuda a comprender esta situación.

É un proxecto audiovisual que presta atención ao valor didáctico que permite coñecer a principal fonte literaria galega. É a primeira vez que un documental se adentra na poesía galega, descubrindo a súa historia, contando a revolución literaria dos 90 e coñecendo como están sendo as novas formas de expresión poética.

Vértice de Versos é a primeira longametraxe documental de Carlos Lorenzo. A súa principal actividade profesional é a xestión cultural na administración pública. No artístico ten unha traxectoria como fotógrafo con diversos libros publicados e varias exposicións individuais e colectivas por Galicia. Conta con experiencia como guionista, en diversas funcións de produción ou como coordinador de dobraxe en curtametraxes de animación. En Vértice de Versos asume o rol de produtor, guionista e director.

Para acometer este proxecto no que a poesía é tema central, é esencial a súa relación co mundo literario como coordinador técnico do premio de Poesía Concello de Carral, un dos certames mais importantes de Galicia. No 2017, cando o certame cumpriu 20 anos, fixo xunto a Xosé A, Bocixa un documental que repasa as dúas décadas do premio (https://youtu.be/2wVp1xkzVoM).