Presentada a escultura do premio Pedra Alta

pedra alta
Presentada a escultura do premio Pedra Alta

O acto da entrega do PREMIO PEDRA ALTA de 2018 celebrarase no Museo da Limia o día 24 de novembro

Despois da favorábel acollida da primeira edición do Premio Pedra Alta (2017), o Museo da Limia presenta a segunda edición deste galardón, consistente nunha réplica do menhir situado no corazón da antiga lagoa da Antela, coñecido popularmente como Pedra Alta, creada polo escultor limiao Xosé Lois Carreira. O premiado recibirá tamén un diploma de recoñecemento, deseñado polos arquitectos Manuel Seoane e Lola Peláez. Os tres, membros do Consello Asesor do Museo da Limia, colaboran de maneira altruísta.

A entrega das distincións e o acto académico, abertos a cantos queiran asistir, será na sede do Museo da Limia o vindeiro día 24 de novembro (sábado). A celebración concluirá cun cocido de fraternidade limiá no restaurante Novaíño de Sandiás.

O obxecto deste premio é recoñecer o traballo e dedicación de persoas ou entidades que poña en valor o coñecemento do pasado, a análise da realidade actual, a creación intelectual e os elementos identitarios, así como o seu apoio ao desenvolvemento económico e social da comarca da Limia.

O premio Pedra Alta, concedido polo Museo da Limia con carácter anual, foille outorgado nesta segunda edición (2018) a don Antonio Rodríguez Colmenero, co fin de recoñecer a longa traxectoria intelectual, investigadora e divulgativa do galardoado. Nesta extraordinaria tarefa de coñecemento teñen papel protagonista as terras que rega o río Limia, integrando un amplo territorio que vai desde a patria pequena do autor nas abas do monte Larouco até as irmás portuguesas, con parada moi especial no lugar de Porto Quintela. Aquí, con infatigábel teimosía, leva preto de corenta anos sacando á luz as ruínas do campamento romano de “Aquis Querquennis” e loitando por dotar de infraestruturas e dun corpus bibliográfico que divulgue este excepcional xacemento, así como a súa prolongación e complemento, a calzada romana Vía Nova entre Braga e Astorga, e as culturas que os levaron a termo. E así mesmo, pola capacidade do profesor Colmenero para nos descubrir o encontro fraterno e agarimoso entre a Vía Nova e o río Lethes no seu fluír cultural milenario.