Esta mañá na sede do Consello Regulador da I.X.P. Pataca de Galicia con sede en Xinzo, mantiñan a primeira reunión desta nova etapa os membros do consello presidido xa por Jose M. Gómez “Cazolas”, no que o primeiro dos acordos foi a incorporación do único vocal que faltaba e que non puidera asistir a sesión constitutiva.
No seguinte punto da orde do día, como é preceptivo designouse a orde en que os dous vicepresidentes ostentaran a vicepresidencia acordando que os dous primeiros anos sexa Diego Conde, representante dos almacenistas e os dous últimos Amador Díaz, representante dos produtores.

A continuación nomeáronse os vocais e técnicos que formarán parte das distintas comisións que estatutariamente teñen que funcionar cales son a Comisión Permanente, Comité de Certificación (comité técnico), e Comité consultivo que se reúne unha vez ao ano, no que entre outros membros nomeados por administración, consumidores etc., tamén nomearon a un experto técnico que neste caso será Servando Álvarez , director técnico do Centro de desenvolvemento Agrogandeiro con sede tamén en Xinzo.
A continuación aprobouse a incorporación dun novo envasador e tamén a Memoria de actividades e contas do 2022.
PETICIÓN DE AXUDAS
Un motivo da urxencia de reunión do Consello era a aprobación de solicitude de axudas a Consellería de Medio Rural e outros organismos que remata este 31 de marzo e que sen esas axudas sería imposible realizar todas as accións que se teñen previstas para este primeiro ano, entre elas, que xa quedaron aprobadas, a participación como Consello en feiras de promoción no Salón Gourmets, Alimagro, Feira da Pataca de Vilar de Barrio e Coristanco, na Semana Verde de Silleda , en Xantar e na do Pan de Cea.