O PROGRAMA “CLUB DE CIENCIA” CHEGA A 13 CENTROS DE OURENSE

CEIP CARLOS CASARES
O PROGRAMA “CLUB DE CIENCIA” CHEGA A 13 CENTROS DE OURENSE
CEIP Carlos Casares e IES Lagoa de Antela en Xinzo. CEIP do Xurés en Lobios, Valle Inclán en Muiños e Ben-Cho-Shey en Vilar de Barrio

Un total de 13 centros educativos públicos da provincia de Ourense (4 de nova incorporación este ano) desenvolverán durante o presente curso 2019/20 o ‘Club de ciencia’, unha iniciativa da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional que ten como finalidade estimular o espírito científico entre o alumnado galego ao tempo que impulsar as vocacións STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) cara a estudos posteriores nos campos de coñecemento do ámbito científico tecnolóxico.

Este é o cuarto ano consecutivo que se pon en marcha esta iniciativa que forma parte da Estratexia galega para a educación dixital, Edudixital 2020, e que arrancou como experiencia piloto no curso 2016/17 con 9 centros, un número que se foi incrementando desde entón. Agora, ao abeiro da convocatoria deste ano, incorpóranse outros 30 novos centros ao ‘Club de ciencia’, o que fai un total de 119 centros de ensino público en toda Galicia (55 da provincia da Coruña, 13 de Lugo, outros 13 de Ourense e 38 de Pontevedra), tal como queda recollido na resolución definitiva que pode consultarse no Portal educativo.

Os clubs, para os cales a Consellería destina 1.250 euros para cada centro, nacen como un espazo de aprendizaxe non formal baseado nunha metodoloxía de indagación onde os docentes suxiren diferentes accións enfocadas ao alumnado co obxecto de que poidan dar resposta ás súas curiosidades e aos seus intereses e resolver problemas.

O obxectivo da mesma pasa por fomentar o espírito científico e a curiosidade do alumnado, o que favorece, en consecuencia, o traballo das áreas denominadas STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), unha das prioridades da Consellería de cara aos próximos anos.

Estratexia galega de educación dixital, Edudixital 2020

A posta en marcha dos Clubs de Ciencia forma parte do paquete de accións contempladas pola Consellería de Educación dentro da Estratexia Galega para a educación dixital, Edudixital 2020, e que supoñen un investimento de 1 millón de euros.

Así, ao abeiro do Edudixital 2020, a Consellería está desenvolvendo iniciativas como a implantación do Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxías, o STEMbach (con 560 alumnos -294 alumnas e 266 alumnos- de 31 centros), os Espazos Maker (implantado en 20 centros), o campamento científico-tecnolóxico en inglés (STEMweek), a Semana STEM (que se está desenvolvendo nestes días), ou a ampliación de Robótica en Primaria (con kits que chegan xa a 178 centros públicos durante este curso).

Aprendizaxe mediante indagación e resolución de problemas

O ‘Club de ciencia’ defínese como un espazo de aprendizaxe non formal baseado nunha metodoloxía de indagación, onde os docentes suxiren diferentes accións enfocadas aos alumnos e alumnas co obxecto de que estes podan dar resposta ás súas curiosidades e aos seus intereses, así como resolver problemas.

O proxecto ten que desenvolverse fóra do horario lectivo e nos espazos que se consideren ou habiliten do centro docente. Este horario deberá cumprir, como mínimo, unha media de catro horas ao mes, comezando a partir da concesión definitiva do proxecto, ata final do período lectivo do alumnado durante o presente curso.