O proxecto do CDR, subvencionado pola Deputación un ano máis

O proxecto do CDR, subvencionado pola Deputación un ano máis
O CDR recibe 15.000 euros a través do concurso público para a concesión de subvencións para proxectos de prestación de servizos sociais que se presentou en abril deste ano 2022

A Deputación outorga ao CDR, un ano máis, 15.000 euros a través do concurso público para a concesión de subvencións para proxectos de prestación de servizos sociais que se presentou en abril deste ano 2022.

O proxecto do CDR é un proxecto co que se pretende achegar actuacións preventivas e de dinamización da comunidade intentando aportar solucións a distintas problemáticas. Dan cobertura a moitas das necesidades da poboación limiá:

"A soidade das persoas maiores, a crise demográfica, a falla de políticas de conciliación real, a fenda dixital, a falta de oportunidades laborais... fan imprescindible a continuidade do noso proxecto integral dirixido a toda a comunidade."

IMG_3726 (2)

Na área de Atención á comunidade e servizos de proximidade desenvolven o Programa de emerxencia ás necesidades básicas e outros recursos, o servizo de comedor social a domicilio e no centro, a vivenda comunitaria, o servizo de lavandaría e hixiene persoal, o servizo de préstamo de axudas técnicas, acompañamento a citas e xestións, transporte adaptado... E tamén a Atención psicolóxica e terapia ocupacional no centro e a domicilio, ademais da alfabetización dixital para persoas maiores: talleres de aprendizaxe e uso básico do teléfono móbil, tabletas e outros dispositivos.

Na área educativa e de conciliación traballan a prol da conciliación da vida persoal, familiar e laboral das familias da comarca da Limia tendo en conta as necesidades afectivas, sociais e emocionais da infancia co Concilia no rural. Por outra banda, a área de inclusión social e laboral levan a cabo un traballo de información, asesoramento e apoio socio laboral a persoas en risco de exclusión.

Por último, na área do reto demográfico desenvolven un programa de sensibilización e concienciación sobre o despoboamento e a necesidade de emprendemento no medio rural. Achegan información e asesoramento continuado sobre recursos, axudas, accesos á vivenda e servizos dispoñibles tanto públicos como privados na comarca; ademais do acompañamento e axuda na realización de xestións que faciliten a incorporación de novas familias na comunidade.