O proxecto de mellora da estrada Celanova-fronteira portuguesa está na última fase de redacción

Conselleira e alcaldesa de Bande
O proxecto de mellora da estrada Celanova-fronteira portuguesa está na última fase de redacción

Anunciouno a conselleira na súa visita a Bande

Na súa visita para presentar a obra de acondicionamento do treito urbano de Bande, a conselleira referiuse tamén ao proxecto que está a impulsar a Xunta para o acondicionamento da estrada OU-540 no treito autonómico que vai de Celanova á fronteira portuguesa. Sinalou que actualmente a redacción dese proxecto se atopa na fase final da súa redacción e o obxectivo é sometelo a información pública tras o verán.

Con esa actuación, habilitarase un terceiro carril en parte dos 34 quilómetros da estrada e mellorarase o trazado mediante a rectificación das curvas de menor radio.

Ethel Vázquez lamentou que o Goberno de España non comparta a preocupación das administracións galegas por dotar o rural de infraestruturas e servizos que melloren a vida dos seus habitantes.

A ese respecto garantiu que a Xunta continuará a traballar para que o Ministerio de Transportes rectifique os criterios establecidos para o reparto de fondos europeos de reconstrución ‘Next Generation’ destinados a mobilidade, que exclúen as actuacións en concellos de menos de 50.000 habitantes, é dicir, o 98% dos municipios galegos.