PSdeG e BNG propoñen unha emenda conxunta aos orzamentos da Deputación de Ourense

WhatsApp Image 2017-09-27 at 12.14.42
PSdeG e BNG propoñen unha emenda conxunta aos orzamentos da Deputación de Ourense

Afirman que suporía un aumento da partida adicada aos concellos da provincia que acadaría os 13 millóns de euros.

Hoxe pola mañá, de xeito conxunto, os portavoces do PSdeG e do BNG na Deputación de Ourense avanzaron no que vén sendo o seu cabalo de batalla dos derradeiros meses, acadar que se implante un reparto equitativo dos fondos públicos da institución provincial entre os concellos. Desta volta anunciaron a presentación dunha emenda á totalidade dos orzamentos para o 2018 que leva o goberno do PP ao pleno do vindeiro venres. Nesta emenda propoñen a supresión de partidas orzamentarias obsoletas coma a dedicada ao INORDE ou a redución doutras avultadas abondo, coma os gastos en publicidade e protocolo, que suporían unha achega de máis de 13 millóns de euros para os municipios da provincia. Tal como declara Francisco Fraga, portavoz socialista na Deputación: "A orixe desta proposta vén dada pola negativa reiterada do PP de implantar un plan único de reparto que nos equipare co resto das deputacións galegas. Rexeitaron a nosa iniciativa que estaba moi ben fundamentada, polo que agora seguimos loitando por esa implantación a través dunha emenda moi traballada na que retiramos partidas que non teñen razón de ser ou que supoñen un reparto clientelar entre os concellos, algo ao que nos ten moi acostumados o presidente Baltar".

Afirman que a iniciativa "tamén beneficiaría aos alcaldes do PP que non teñen liña directa con Baltar, ao eliminar o reparto clientelar e caciquil dos fondos públicos"

Para os socialistas, esta emenda conxunta, presenta propostas detalladas que facilitarán a vida dos concellos e dos cidadáns. Pola súa banda, Ramiro Rodríguez, voceiro do BNG na Deputación de Ourense, engade que: "Esta emenda vén na senda da continuidade do traballo conxunto que levamos facendo nestes meses atrás. O modelo que nos presenta este goberno, despois de rexeitar a nosa proposta no pleno extraordinario, está obsoleto e responde a un sistema caciquil. Nós, pola contra, presentamos un modelo alternativo, baseado en criterios obxectivos, os mesmos que se aprobaron na FEGAMP, en base ao número de habitantes dos concellos, os núcleos de poboación...". Para os nacionalistas e socialistas, sen embargo, o que propón o PP é o mesmo de sempre, micro-plans de miles de euros e un reparto discriminatorio, baseado en afinidades políticas a través de subvencións finalistas e nominativas, a dispor das preferencias de Baltar. A emenda conxunta que van defender no pleno, pola contra, contén unhas bases reguladoras do plan provincial único de cooperación cos concellos, que respecta a autonomía municipal. Posto que como sinala Fraga Civeira: "Os alcaldes e alcaldesas desta provincia, co noso plan, saberían cos cartos cos que van contar a inicios de exercicio e poderían planificar os seus investimentos en función das necesidades dos seus veciños e veciñas".

Porén todo indica que o PP, co seu rodete da maioría se vai pronunciar en contra desta proposta, algo que para o voceiro do BNG, ten os días contados: "Rexeitaron a implantación do plan único e levan trazas de rexeitar unha proposta alternativa que implicaría unha cantidade o máis relevante posible para os concellos da provincia. O seu modelo está totalmente anticuado e co tempo esta provincia quedará totalmente illada e non lle quedará outro remedio que implantar un modelo baseado en criterios obxectivos. É indefendible, o modelo actual, só se aplica na nosa provincia mentres no resto das galegas van á vangarda no tocante a plans de cooperación municipal".

Socialistas e nacionalistas van levar ao pleno a supresión ou redución de partidas superfluas coma as do INORDE ou as de publicidade que garantirían uns 80.000 euros fixos a cada concello da provincia.

Tanto para o PSOE coma para o BNG, é imprescindible que se aposte polo modelo que propoñen porque non queren que a Deputación de Ourense quede atrás. Coa implantación da emenda presentada demostrarían, afirman, que o plan único é viable, que non é unha entelequia e que se pode facer. Sen ir máis lonxe, aportaron algún exemplo dos que conteñen as súas modificacións orzamentarias, baseadas en táboas de reparto obxectivo con arranxo a variables estatísticas; polas cales o concello que menos percibiría tería ao seu dispor uns 100.000 euros, mentres na actualidade se teñen que conformar cos futuros 48.000€. Segundo a iniciativa dos socialistas e nacionalistas, o plan único garantiría uns 80.000 euros fixos por concello e unha cantidade variable con arranxo aos criterios obxectivos aprobados na FEGAMP.

Dende ámbolos dous grupos da oposición instan ao presidente a que tome en consideración a emenda e implante un modelo de vangarda, posto que a modernidade non só se predica senón que se practica. Para os socialistas e nacionalistas, a implantación do plan único de cooperación reduciría a discriminación duns concellos respecto a outros pero non só dos gobernados polo PSOE ou BNG senón doutros gobernados polo propio Partido Popular que non teñen liña directa con Baltar e perden recursos para os seus veciños. Asemade, destacan que este plan ten a característica de ser dinámico, polo que incorpora as cantidades do remanente de Tesourería que se xera cada ano, impedindo que se reparta de xeito discrecional como acontece agora.