O PSDEG-PSOE DE BANDE DENUNCIA QUE A ALCALDESA DO PARTIDO POPULAR TRATA DE “AMORDAZAR” Á OPOSICIÓN CON PRÁCTICAS “ANTIDEMOCRÁTICAS E CACIQUÍS” NAS SESIÓNS PLENARIAS
Os socialistas afirman que “non é a primeira vez que isto sucede” e fan fincapé en que a rexedora “trata constantemente de coartar a liberdade de expresión e de amordazar á oposición”.
O PSdeG-PSOE de Bande vén de denunciar as actitudes “antidemocráticas e caciquís” da rexedora do Partido Popular, Sandra Quintas, que trata de “amordazar” a oposición nos plenos, evitando que fagan preguntas e se interesen por temas de vital importancia para a veciñanza do municipio.
Os socialistas critican que no último pleno e ante a insistencia nas preguntas do voceiro, José Luís Álvarez, a rexedora optou por levantar a sesión plenaria, tras tentar expulsar do salón de plenos o voceiro e ante a negativa de este a abandonar o mesmo “xa que non había razóns sólidas e consistentes para elo”. Dende o Grupo Municipal Socialista afirman que “non é a primeira vez que isto sucede” e fan fincapé en que a rexedora “trata constantemente de coartar a liberdade de expresión e a labor fiscalizadora da oposición, amosando actitudes pouco democráticas e afastadas dos tempos que vivimos”.
Os socialistas tamén critican que Quintas “non é máis que un peón do verdadeiro alcalde na sombra, o señor Armada, que a pesar de estar agora no Parlamento de Galicia, segue movendo e tecendo os fíos na casa consistorial”.
Os socialistas relatan que no último pleno celebrado o pasado venres “foron todo pegas as iniciativas socialistas” e esíxenlle a rexedora que “permita a libre expresión e a democracia” e remate coa súa política de “opresión e amordazamento da oposición”.
O PSdeG-PSOE de Bande tamén pon de manifesto que a pesar dos impedimentos postos polo Partido Popular
“non nos van amordazar e amedrentar e seguiremos denunciando e criticando todo o que consideramos que está mal feito”.
Por estes motivos, dende o Grupo Municipal Socialista, esixen “que se respecte ao noso grupo, que conta con tres concelleiros e co apoio de 422 veciños e veciñas de Bande, que depositaron o seu voto e a súa confianza no PSOE”.
Dende o PSdeG-PSOE de Bande tamén esixen a rexedora que “se democratice” e “dea respostas as preguntas da oposición, pois así o establece a lei” e denuncian que “estamos fartos de silencios e de que se obvie por completo o noso traballo diario en favor dunha veciñanza, cada vez máis farta do camiño que está tomando o concello de Bande da man do Partido Popular”