O PSDEG-PSOE DENUNCIA QUE XINZO DE LIMIA QUEDARÁ SEN SERVIZO DE POLICÍA LOCAL EN PLENA NOITEBOA OU NO DÍA DE NADAL POR CULPA DA INCOMPETENCIA DO GOBERNO DO PP

elvira Lama portavoz Deputación Provincial
O PSDEG-PSOE DENUNCIA QUE XINZO DE LIMIA QUEDARÁ SEN SERVIZO DE POLICÍA LOCAL EN PLENA NOITEBOA OU NO DÍA DE NADAL POR CULPA DA INCOMPETENCIA DO GOBERNO DO PP

Elvira Lama denuncia a “irresponsabilidade continuada do alcalde, xefe último do corpo policial, e todo e o goberno do PP ante un problema que sucede cada dous por tres sen que lle poñan solución”

O PSdeG-PSOE de Xinzo de Limia denuncia que a vila quedará sen servizo de policía local en plena Noiteboa e durante o día de Nadal, por culpa da “nefasta xestión e da incompetencia absoluta” do goberno local do PP á hora de xestionar os recursos públicos. “A única política de persoal que aplican con celeridade é a dos enchufes innecesarios, tal e como sentenciu a xustiza”, afirman os socialistas. Actualmente o cadro de axentes quedou reducido a só oito efectivos, unha cifra que imposibilita cubrir todas as quendas de traballo as fins de semana ou os xornadas festivas. Esta pésima situación deixará desatendidas as necesidades de seguridade e urxencias dos 10.000 habitantes de Xinzo, ó mesmo tempo que se forza e sobrecarga ós traballadores nas súas tarefas.

O cadro de 15 axentes da policía local está actualmente minguado á case metade porque dous traballadores están adscritos a tarefas administrativas; outro acaba de xubilarse; outros dous aínda non foron convocados ó proceso de formación preceptivo e previo á incorporación a súa praza; e outros dous atópanse desfrutando de xornadas de vacacións. A portavoz local dos socialistas, Elvira Lama, denuncia a “irresponsabilidade continuada e reiterada do alcalde, que é o xefe último do corpo policial, e todo e o goberno do PP xa que este problema de falta de efectivos sucede cada dous por tres desde hai tempo sen que lle poñan solución”.

“O que esta a acontecer con este servizo básico é inaudito, xa que temos un goberno local ó que lle urxe máis gastar decenas de miles de euros en propaganda e publicidade que en policías para seguridade das persoas”, asevera a voceira antes de recordar que a Noiteboa é unha data con moita actividade hostaleira e de ocio que require da presenza de axentes de garda. Lama lamenta a “falta de seguridade que o PP vai provocar entre a veciñanza” e salienta que o número de efectivos é manifestamente insuficiente segundo o que lle corresponde ó municipio polo seu número de habitantes, tal e como xa ten manifestado o xefe da policía de Xinzo e como destacan desde o PSdeG-PSOE: “o municipio debería contar con 15 axentes e actualmente só temos oito traballadores nas rúas, unha cifra que imposibilita cubrir os sete días da semana”.

“Deberían contratar persoal e mellorar as quendas, pero a incompetencia do PP é tan grande que incluso ignoraron cadros de quendas de traballo diferentes ó actual, presentados polos respresentantes sindicais, que permitirían paliar temporalmente este déficit sen incrementar voluminosamente os gastos”, relata. A portavoz recorda que, nos últimos meses, o grupo municipal socialista xa alertou deste mesmo problema en varias ocasións “pero vergoñentamente o goberno local quedou de brazos cruzados”, e destaca que, de novo, o concello acumula atrasos de medio ano no pagamento das horas extraordinarias realizadas polos membros do corpo policial.