O PSdeG-PSOE de Ourense pide a Baltar que retire o seu apoio ao « pseudoalcalde popular» de Xinzo de Limia

96
O PSdeG-PSOE de Ourense pide a Baltar que retire o seu apoio ao « pseudoalcalde popular» de Xinzo de Limia

Solicítanlle ao presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, que lle retire, a través dos concelleiros do PPdeG o seu apoio

Rafael Rodríguez Villarino –Secretario Provincial do PSdeG–PSOE de Ourense e Elvira Lama Fernández –portavoz do grupo municipal socialista en Xinzo de Limia, compareceron en rolda de prensa na mañá do venres 2 de maio para pedir a dimisión do alcalde de Xinzo de Limia, Antonio Pérez, quen foi condenado a inhabilitación durante 8 anos por delitos de prevaricación relacionados coa entrega de postos de traballo públicos a coñecidos e afíns. Aínda que a condena non é firme e cabe recurso de apelación, o secretario provincial do PSdG argumentou que neste caso non é de aplicación a presunción de inocencia senón de culpabilidade, a falta de recurso, e lembrou que o hoxe condenado alcalde ,que substitúe a outro condenado por delitos de semellante natureza, ignorou repetidamente as advertencias verbais e escritas de intervención municipal sobre as malas prácticas que constituían as súas contratacións.

Desde o PSdeG censurouse que os concelleiros do PPdeG en Xinzo de Limia continúen dando apoio ao alcalde condenado, a pesar de non ser xa membro do Partido Popular, polo que solicitaron ao presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, que retire, a través dos concelleiros do PPdeG o seu apoio ao formalmente condenado pseudoalcalde do PP, en palabras do propio Rafael Rodríguez Villarino. Os portavoces do grupo socialista denunciaron tamén unha campaña nas redes sociais organizada polas Novas Xeracións do Partido Popular dirixida a prestar apoio e mostrar solidariedade co alcalde.