O PSDEG-PSOE DE XINZO DENUNCIA QUE A DESIDIA E A PARSIMONIA DO GOBERNO LOCAL DO PP ESTÁ A PREXUDICAR OS INTERESES DA VECIÑANZA NA REFORMA DA AVENIDA DE CELANOVA

229
O PSDEG-PSOE DE XINZO DENUNCIA QUE A DESIDIA E A PARSIMONIA DO GOBERNO LOCAL DO PP ESTÁ A PREXUDICAR OS INTERESES DA VECIÑANZA NA REFORMA DA AVENIDA DE CELANOVA

Os socialistas cren que os cambios que debe incluír no novo proxecto non xustifican o atraso dun ano, e de ser así, o grupo de goberno debe insistir na necesidade e na urxencia

O PSdeG-PSOE de Xinzo de Limia denuncia que a desidia e a parsimonia do goberno municipal do PP está a prexudicar os intereses dos veciños e veciñas, na longamente demandada reforma da avenida de Celanova, unha das principais rúas desta vila ourensá. A portavoz dos socialistas de Xinzo, Elvira Lama, critica a deixadez do PP, ó acumular un ano de atraso na presentación dun segundo proxecto de reforma adecuado ás necesidades da mobilidade que, ademais, permita conservar o importante patrimonio arbóreo.

Os socialistas consideran que esta redacción do proxecto, que contempla a permanencia das árbores e unha nova vía de circunvalación para evitar o paso de tráfico pesado pola avenida, non se está a facer coa suficiente dilixencia, co fin de que as obras se inicien o mais pronto posible. Unas melloras que inclúen a renovación dos sistemas de saneamento, abastecemento e novos servizos, nunha estrada que sofre continuos asolagamentos nas épocas de choivas.

Segundo recorda Lama, estamos ante “unha proposta que tivo grande repercusión social coa redacción do primeiro proxecto, xa que incluía a tala masiva e indiscriminada de árbores para facer melloras demandadas polos residentes na zona, unha tala finalmente paralizada logo do escándalo xerado entre a veciñanza xa que, unha vez mais, o PP non fixo a súa labor de reclamar un proxecto respectuoso co medio natural”.

“Os cambios que deben incluír no novo proxecto non xustifican o atraso dun ano que estamos a sufrir, e de ser así, o grupo de goberno debe ser mais dilixente e insistir na necesidade e na urxencia da execución ante a consellería de Infraestruturas”, explica a portavoz. “As molestias e as inquedanzas que están a xerar nos veciños e veciñas da contorna da avenida con este atraso son importantes, así como a tala indiscriminada materializada a destempo nas árbores ten provocado tamén moito malestar entre os colectivos que defenden o patrimonio natural” di Lama.

Os socialistas recordan que “a redacción eficaz e eficiente dun primeiro proxecto no seu momento, contemplando a permanencia das árbores e respectando o trazado do Camiño de Santiago que debería estar protexido, houbera evitado a perda de tempo e de recursos económicos pola necesaria redacción dun segundo proxecto ben feito”. “Estes atrancos demostran o nulo interese do PP para que as obras se fagan en beneficio de todos e todas, coa présa suficiente e con todas as garantías”, destacan.

Elvira Lama denuncia que “existe unha desidia manifesta por parte do equipo de goberno local do PP, ó non estar facendo o seu traballo de reclamar á Xunta de Galicia, que as obras se inicien canto antes, a ser posible no verán, para que poidan avanzar a bo ritmo”. “Non se pode castigar ós veciños e veciñas que teñen que convivir coas molestias do atraso nas obras, polas normais reivindicacións de outra veciñanza que defende a permanencia das árbores coas melloras”, remata.