O PSDEG-PSOE DE XINZO IMPULSA UNHA INICIATIVA PARA QUE O CONCELLO RECLAME Ó GOBERNO CENTRAL A DEVOLUCIÓN DAS COMPETENCIAS SOBRE IGUALDADE E VIOLENCIA MACHISTA

Elvira Lama
O PSDEG-PSOE DE XINZO IMPULSA UNHA INICIATIVA PARA QUE O CONCELLO RECLAME Ó GOBERNO CENTRAL A DEVOLUCIÓN DAS COMPETENCIAS SOBRE IGUALDADE E VIOLENCIA MACHISTA

Elvira Lama, explica que \“a violencia de xénero afunde as súas raíces na histórica desigualdade da muller\” e, por iso, para frear esta lacra \“o papel dos concellos como administración máis próxima é clave\”

O PSdeG-PSOE de Xinzo de Limia impulsa unha iniciativa para que o concello reclame ó Goberno central a devolución ás entidades locais, das competencias sobre igualdade e violencia de xénero usurpadas, así como o financiamento necesario recoñecido no pacto de estado. Nunha moción que se debaterá no vindeiro pleno, os socialistas reclaman o inicio dos \“trámites para as modificacións lexislativas necesarias, ao obxecto de devolución das competencias ás entidades locais no exercicio das políticas de igualdade e contra a violencia de xénero\” e o cumprimento \“do compromiso económico acordado no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, ao obxecto de destinar vía transferencia aos Concellos, un incremento anual de 20 millóns de euros durante os próximos cinco exercicios, para o desenvolvemento das medidas\”.

A portavoz local, Elvira Lama, explica que \“a violencia de xénero afunde as súas raíces na histórica desigualdade das mulleres\” e \“para contribuír a erradicar estas formas de violencia precísanse medidas e políticas institucionais desde os diferentes ámbitos da administración para unha cobertura global do problema\” e, neste traballo, as entidades locais, como administración máis próxima ós cidadáns, deben ter un papel nuclear. \“Os concellos supoñen o primeiro estamento na prevención así como na atención, información, asesoramento, protección e acompañamento das mulleres vítimas e as súas fillas e fillos\” e, por iso, \“consideramos imprescindible dotar de novo ós municipios das súas competencias en materia de igualdade\”, asegura. \“Os socialistas manifestamos o máis firme compromiso coas mulleres vítimas da violencia de xénero\”, destaca Lama.

Os socialistas recordan que \“dispomos dun marco lexislativo a través da Lei Orgánica de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero, tamén de leis autonómicas na maioría das Comunidades Autónomas e recentemente foi aprobado polo Congreso dos Deputados o Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero" polo que, para contribuír a erradicar a violencia de xénero \“precísanse medidas políticas e institucionais baseadas nesa lexislación, desde os diferentes ámbitos que aborden o problema de maneira integral, que sexan capaces de dar resposta ás necesidades específicas das mulleres vítimas e ás das súas fillas e fillos\”. E por iso insisten en que \“é necesario e imprescindible\” contar con estruturas municipais dabondo para acadar, dunha vez por todas, a eliminación da desigualdade da muller e das violencias machistas, obxectivo que unicamente se cumprirá coa implicación plena dos municipios, polo que é fundamental dotalos dos recursos económicos e materiais adecuados.

O texto presentado para debate e votación no pleno ordinario de Xinzo tamén reclama dar traslado da moción e a súa aprobación ó Presidente do Goberno, á ministra de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, ó ministro de Facenda e Función Pública, así como ao Presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).