O PSDEG-PSOE DE XINZO IMPULSA UNHA INICIATIVA PARA RECOÑECER Ó CONCELLEIRO E TENENTE DE ALCALDE SOCIALISTA, CÁNDIDO FERNÁNDEZ GARCÍA, ASASINADO POLOS FRANQUISTAS

ELVIRA LAMA2
O PSDEG-PSOE DE XINZO IMPULSA UNHA INICIATIVA PARA RECOÑECER Ó CONCELLEIRO E TENENTE DE ALCALDE SOCIALISTA, CÁNDIDO FERNÁNDEZ GARCÍA, ASASINADO POLOS FRANQUISTAS

A moción tamén insta ó recoñecemento de todas as vítimas da Guerra Civil e o franquismo, así como imposibilitar a celebración de actos de exaltación fascistas no municipio

O PSdeG-PSOE de Xinzo de Limia impulsará unha importante iniciativa no vindeiro pleno municipal, para recoñecer e honrar a memoria de Cándido Fernández García, concelleiro e tenente de alcalde socialista da vila, vilmente asasinado polos franquistas entre o 9 e 10 de agosto de 1936, en pleno golpe de estado dos fascistas contra a democracia. O edil foi secuestrado na casa, ante a súa familia, e vilmente asasinado mediante disparos para, logo, abandonar o seu corpo tras un muro dunha estrada de Vilar de Barrio. A iniciativa tamén insta ó recoñecemento de todas as vítimas da Guerra Civil e o franquismo, así como imposibilitar a celebración de actos de exaltación fascistas no municipio.

ELVIRA LAMA2A moción solicita a declaración de reparación e recoñecemento persoal para Cándido Fernández García; o recoñecemento público á memoria das vítimas da represión franquista mediante un monumento, placa, mención no rueiro ou outro signo físico situado na rúa, e sinalar e delimitar a fosa común que existe no cemiterio de titularidade municipal; e a toma das medidas oportunas para a retirada de escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación da sublevación, da Guerra Civil e da represión da ditadura, que aínda están presentes en Xinzo, como é o caso da placa colocada nun dos laterais do Grupo San Sebastián.

Igualmente, o PSdeG-PSOE tamén demanda que o pleno adopte as medidas necesarias para que non se poidan celebrar actos ou accións que contraveñan a Lei de Memoria Histórica e que supoña a conmemoración, exaltación ou enaltecemento do golpe de 1936 ou do franquismo, así como a posta en marcha de todas as medidas necesarias para cumprir e facer cumprir esta Lei.

A portavoz municipal, Elvira Lama, destaca que \“a recuperación da memoria é responsabilidade de todos os cidadáns, polo que o noso pleno municipal tamén debe involucrarse nesta cuestión\”, e recorda que os socialistas \“estamos plenamente comprometidos con reparación da memoria histórica, porque é a mellor forma de construír un gran estado de dereito, polo que debemos recoñecer ás persoas que deron a súa vida pola democracia\”. Lama explica que \“no noso concello tamén se produciron graves sucesos represivos e mortes violentas, un deles contra o membro da corporación municipal e tenente de alcalde socialista, Cándido Fernández García, tal como recolle o escritor e historiador, Edelmiro Martínez Cerredelo\”.

Na súa obra, o autor relata con todo detalle como os golpistas que perpetraon o golpe de estado contra o goberno democrático da Segunda República, acabaron coa democracia e coa vida de concelleiros elixidos polo pobo da comarca da Limia:

\“O suceso máis recordado da represión en Xinzo prodúcese cando a Garda Civil e seis Falanxistas se presentan ás doce horas da noite do día 9 de agosto, no domicilio en Baronzás do concelleiro e tenente alcalde do Concello de Xinzo, o socialista Cándido Fernández García; milicianos armados con escopetas e pistolas sácano á forza. Cándido agárrase forte á cancela da casa e berra, que se o queren matar que o maten alí; a culatazos nas mans conseguen soltalo e lévano detido ao cuartel dos falanxistas no Concello de Xinzo. Alí atopábase detido dende o 1º de agosto, outro paisano de Sandiás, Cándido Gándara González (117), que fora concelleiro elixido o 12 de abril de 1931 membro da Xestora Municipal, ata as eleccións do 31 de maio do mesmo ano e directivo da Sociedade Agraria. Non se sabe o que pasou despois, pero ámbolos dous aparecen asasinados nas primeiras horas do día 10 de agosto de 1936, detrás do muro dunha finca no km. 4,9 da estrada de Vilar de Barrio ao Santuario dos Milagres, en termos de Maus (Vilar de Barrio) (118). Na acta da defunción de Cándido Fernández, co nº 707, figura como causa da morte: \“producida por herida ocasionada por arma de fuego\”; a de Cándido Gándara, co nº 708, di: \“Disparo de arma de fuego\”.

Os socialistas de Xinzo esperan acadar a unanimidade de todos os membros do pleno \“porque é de xustiza\” e insisten en que \“é unha obriga e un deber cumprir a Lei de Memoria Histórica, e contribuír á reparación e o recoñecemento persoal das persoas que sufriron e pagaron coa vida as inxustizas tanto da Guerra Civil como do réxime franquista\”.