O PSDEG-PSOE DE XINZO DE LIMIA DENUNCIA QUE A DESIDIA E O ABANDONO DA CULTURA DO GOBERNO LOCAL DO PP PROVOCAN O PECHE DO MUSEO GALEGO DO ENTROIDO

Museo Xinzo 01
O PSDEG-PSOE DE XINZO DE LIMIA DENUNCIA QUE A DESIDIA E O ABANDONO DA CULTURA DO GOBERNO LOCAL DO PP PROVOCAN O PECHE DO MUSEO GALEGO DO ENTROIDO

Elvira Lama critica que “se dote de orzamentos na deputación a museos inexistentes como o Museo dos Bolechas, mentres outros coma o MUGAE non teñen partida nin do concello nin da deputación”

O PSdeG-PSOE de Xinzo de Limia denuncia que a desidia e o absoluto abandono do goberno local do PP, provoca o peche indefinido do Museo Galego do Entroido (MUGAE) desta vila ourensá. A portavoz municipal, Elvira Lama, afirma con rotundidade que “este grupo de desgoberno do PP é vergoñentamente incompetente por manter o museo pechado a cal e canto durante medio ano aducindo falta de persoal, cando xa sabían hai un ano que as persoas encargadas da súa apertura e das visitas guiadas remataban os seus contratos a finais do ano 2017”. Ante esta evidente incompetencia, o grupo socialista acaba de solicitar unha reunión urxente da comisión municipal de cultura para tratar o estado do museo e a súa posible cesión á Deputación Provincial.

O PSdeG-PSOE critica o nulo interese do anterior e do actual alcalde, así como dos diferentes concelleiros de cultura que ocuparon o cargo, para levar adiante a obrigada dinamización, difusión e adecuada xestión do Museo Galego do Entroido. “A falta de financiamento necesario para este espazo museístico e a imposibilidade de contratar persoal por parte do concello, son as dúas causas principais nas que se escudan desde o desgoberno local para manter o museo pechado día tras día, furtando á veciñanza e ós visitantes dun museo único en Galicia”, explican mentres recordan que aínda agardan que a Deputación de Ourense poda ou queira facerse cargo da súa xestión.

A concelleira e deputada provincial critica que “se dote de orzamentos na deputación a museos que aínda non están creados coma o Museo dos Bolechas, para o que se asignaron 200.000 euros, mentres outros coma o MUGAE non teñen partida orzamentaria algunha nin do concello nin da deputación, dúas institucións, para colmo, da mesma cor política”. “Parece un sinsentido que Baltar poña cartos para museos inexistentes e non para o Museo Galego do Entroido”, destaca Lama antes de preguntar se iste despropósito tal vez sucede porque “ó mellor ninguén llos pediu”. “Agora o concello quere pasar a xestión á Deputación porque o propio consistorio non pode asumila por falta de orzamento e de persoal especializado, situando esta instalación pública nun intrincado labirinto administrativo que rematou coa porta do museo pechada desde xaneiro”.

Os socialistas tamén preguntarán na comisión de cultura se o museo está inscrito na rede museística de Galicia, xa que na páxina oficial non aparece. “A falta de rexistro na Xunta sería o colmo de ineficacia e o abandono, dado que están inscritos todos os museos da contorna, incluso de concellos ben pequenos como Vilar de Santos, Allariz ou Sandiás de ámbito local”, denuncia a portavoz ó mesmo tempo que recorda a relevancia para toda Galicia deste museo. Lama conclúe: “Están privando ó comercio e a hostalería dun polo de atracción turística de primeiro orde e dun número importante de visitantes que, sobre todo na época estival, poderían achegarse á vila para facer visitas e gastar cartos. Consideramos unha mágoa que durante os últimos anos de goberno do PP no se preocupen máis polo fomento cultural”.