O PSDEG-PSOE DE XINZO DE LIMIA DENUNCIA A FALTA DE TÉCNICOS AGRÍCOLAS NA OFICINA AGRARIA COMARCAL DA CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL O QUE PARALIZA TRÁMITES E AXUDAS

grupo socialista de xinzo
O PSDEG-PSOE DE XINZO DE LIMIA DENUNCIA A FALTA DE TÉCNICOS AGRÍCOLAS NA OFICINA AGRARIA COMARCAL DA CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL O QUE PARALIZA TRÁMITES E AXUDAS

Elvira Lama critica a “visita de propaganda electoral do conselleiro e do seu séquito, que segue sen dar resposta ós problemas máis urxentes como é a falta de persoal técnico”

Na oficina da Consellería do Medio Rural da comarca máis agrícola da provincia de Ourense e de practicamente toda a comunidade galega non dispoñen de ningún técnico.

De “pura propaganda electoral” cualifican os socialistas a recente visita á comarca da Limia do titular da Consellería do Medio Rural. Unha visita de varias horas durante a que non lle deu tempo a coñecer os problemas reais da oficina comarcal do seu propio departamento, nin nadie do grupo de goberno local do PP foi quen de informar ó conselleiro, nin de interesarse pola situación na que se atopa este servizo. A voceira municipal do PSdeG-PSOE, Elvira Lama, denuncia que “das tres prazas de técnicos coas que conta a oficina de Xinzo desde fai máis de dous meses non está cuberta ningunha, e esta falta de persoal deixa ós labregos da Limia sen a máis mínima cobertura para que algún empregado público habilitado poida certificar as diversas axudas das que están pendentes”.

“Os recortes no cadro de persoal nas dependencias desta consellería en Xinzo de Limia provocan que, a día de hoxe, non exista persoal suficiente nin cualificado para certificar, asesorar e tramitar nada”, insiste Lama. “Ademais o persoal administrativo e os técnicos veterinarios que prestan os seus servizos nesta oficina, están totalmente desbordados polo número de agricultores e gandeiros que diariamente pasan polas dependencias”, recalca.

O grupo municipal dos socialistas “non pode entender como un conselleiro se adica a pasear pola comarca durante un día, ó mesmo tempo que ten o seu servizo na Limia sen o persoal suficiente e necesario para desenvolver as tarefas imprescindibles en tempo e forma, coa premura e axilidade suficientes para non ter que perder varios días de traballo, que é o que demandan os labregos e os gandeiros desta comarca na súa relación coa administración”, xa que, segundo recordan, non se debe esquecer que no vindeiro mes ábrese o prazo para solicitar os dereitos de pago base e as axudas relacionadas coa PAC.

“Criticamos a actitude dos responsables da Consellería do Medio Rural cando veñen a Xinzo por segundo ano a prometer os mesmos catro millóns de euros para regadío nas catro comunidades que aínda non teñen, mentres os propios labregos sofren os atrancos de non poder presentar a documentación que se lles esixe nas dependencias da consellería na comarca por non ter técnicos que os asesoren e certifiquen”, conclúen os socialistas desde municipio de Ourense.