O PSDEG-PSOE de Xinzo logra que se modifique a ordenanza municipal de recollida de lixo para que vivendas e locais valeiros non paguen esta taxa

Elvira Lama
O PSDEG-PSOE de Xinzo logra que se modifique a ordenanza municipal de recollida de lixo para que vivendas e locais valeiros non paguen esta taxa

O PSdeG-PSOE de Xinzo de Limia acadou un novo beneficio para os veciños e veciñas desta vila ourensá. E que, a ordenanza municipal de recollida do lixo vai ser modificada este luns, tras unha iniciativa dos socialistas impulsada hai un ano, para que as vivendas e locais valeiros non paguen esta taxa. A portavoz local, Elvira Lama, explica que \“confírmase que tiñamos razón, despois dun ano esperando polos informes que avalan o cambio na ordenanza da taxa sobre a recollida de lixo\”. Lama recorda que \“noutras vilas de similar entidade poboacional xa se estaba a aplicar esta exención no pagamento do recibo do lixo\”.

Os socialistas presentaron hai un ano unha moción para modificar a ordenanza reguladora, pero técnicos e xurídicos municipais informaron que non era posible porque a lexislación vixente non permitía este demandado cambio. Sen embargo, o PSdeG-PSOE municipal reclamou que a proposta quedara sobre a mesa e solicitou asesoramento técnico á Deputación de Ourense, que é o organismo que ten delegada a competencia para a recollida do lixo en Xinzo.

Lama destaca que despois dunha demora dun ano, por fin queda resolta a dúbida e agora irá a pleno a modificación da norma municipal, que non era outra que aprobar que os donos e donas daquelas vivendas e locais comerciais que non dispoñen, nin de subministro de auga nin de subministro eléctrico, non estean obrigados a pagar taxa sobre o lixo, porque enténdese que unha vivenda ou local inhabitable non pode xerar residuos. \“Este xusto cambio é unha demanda de numerosos veciños e veciñas que veñen presentando reclamacións polo pago de recibos en vivendas valeiras ou sen rematar, propiedades si suxeitas ó pago do imposto de ben inmobles (IBI), pero que nunca foron habitadas ou que incluso están en ruína e, polo tanto, non xeran lixo\”, asegura a portavoz local.

A medida vai supoñer que moitos veciños e veciñas deixen de aboar unha taxa que lles parecía \“abusiva\”, pois gravaba usos inexistentes a pesar de que o concello prestaba efectivamente o servizo. A partires do vindeiro ano e coa entrada en vigor da ordenanza numero oito modificada, a veciñanza afectada xa non terá que efectuar unha reclamación polos recibos emitidos sobre propiedades que non estean suxeitas ó pago da recollida de lixo. Así mesmo, aqueles locais que estean dados de baixa de actividade e que non conten co subministro de auga e luz, tampouco pagarán a taxa, sempre que o soliciten.

Lama conclúe explicando que \“novamente unha proposta do Grupo Municipal Socialista foi atendida polo goberno local que, acertadamente, pediu informes para confirmar a veracidade do que os socialistas defendían, co fin de mellorar o día a día dos veciños e a súa economía, pois non é de recibo pagar por un servizo que non usas cando tes vivendas sen rematar ou locais comerciais que non están acondicionados e, polo tanto, non poden xerar lixo\”.