O PSDEG-PSOE DE XINZO PROPÓN DOAR AS DIETAS COBRADAS POLOS EDÍS NOS DOUS ÚLTIMOS PLENOS EXTRAORDINARIOS CONVOCADOS POR CULPA DAS LIORTAS INTERNAS DO PP

plenoouç (4)
O PSDEG-PSOE DE XINZO PROPÓN DOAR AS DIETAS COBRADAS POLOS EDÍS NOS DOUS ÚLTIMOS PLENOS EXTRAORDINARIOS CONVOCADOS POR CULPA DAS LIORTAS INTERNAS DO PP

En total son uns 4.000 euros netos que os e as socialistas propoñen destinar a Algaria e Limisi, dúas asociacións de colectivos de persoas especialmente vulnerables

O PSdeG-PSOE da Xinzo rexistrou unha moción na que propón doar as retribucións percibidas polos membros da corporación local nos últimos dous plenos extraordinarios –convocados unicamente a causa das liortas internas do PP– a colectivos de persoas especialmente vulnerables da contorna. En total son uns 4.000 euros netos que os e as socialistas propoñen destinar íntegramente ás asociacións Algaria (Asociación de persoas con discapacidade da comarca da Limia) e Limisi (Asociación para a promoción das persoas con diversidade funcional da comarca da Limia).

A deputada provincial e portavoz do grupo municipal, Elvira Lama, explica que “esta doazón é un acto de responsabilidade ante un goberno do PP absolutamente desnortado que, para colmo, nos está a custar máis cartos dos que debería sen proveito algún”. “Os veciños e veciñas de Xinzo non están para pagar as festas e desfeitas do Partido Popular”, recalca antes de sinalar que “os problemas internos do PP están a custarlle á vila moitos fondos públicos sen que eses euros redunden no seu beneficio, nin tampouco en beneficio de todo o pobo, nin dos servizos que se lle prestan”.

Os socialistas recordan que todos os edís, salvo un que ten adicación exclusiva a tempo completo e, polo tanto, un salario fixo mensual, cobran estas dietas por asistencia ós órganos colexiados municipais, polo que a doazón “sería o mellor xesto que toda a corporación local de Xinzo pode facer en beneficio da vila e ante o bochorno público ó que estamos a asistir durante os últimos meses”. A moción rexistrada destaca que os plenos desta localidade ourensá están establecidos no regulamento cunha periodicidade bimensual (febreiro, abril, xuño, agosto, outubro e decembro), ademais das sesións extraordinarias por cuestións de urxencia e, en ambos casos, cada sesión está retribuída con 150 euros brutos por concelleiro ou concelleira.

A iniciativa tamén recalca que esta doazón se execute coa maior brevidade posible. Durante este mes de agosto, o Concello de Xinzo xa celebrou tres sesións extraordinarias do pleno municipal, a causa do xogo de tronos e dos problemas internos do grupo municipal do Partido Popular. Problemas que, no último capítulo dunha desfeita que xa comezou hai tempo, provocaron a renuncia á acta de concelleiro e do cargo de alcalde de Manuel López Casas, xunto ás posteriores e obrigadas toma de posesión dun novo concelleiro e elección dun novo alcalde, o terceiro en tres anos.