Os socialistas de Xinzo de Limia reclaman un plan integral de limpeza que adecente a vila, sumida na sucidade e o abandono absoluto a causa da desidia do goberno local do PP. Nunha moción que será debatida no pleno de agosto, o PSdeG-PSOE insta ó grupo de goberno municipal á posta en marcha dun plan urxente e integral de limpeza viaria, adecentamento e posta en valor dos parques e xardíns da vila, así como dos restantes espazos públicos.
O alcalde chegou a recoñecer carencias na limpeza viaria e un malestar xeral entre os veciños pero segue sen facer nada a pesar de contar con recursos suficiente.
En xullo do 2015, un grupo de veciños e veciñas achegáronse ata a Praza Maior con cubos e fregonas para chamar a atención do goberno local, ante a sucidade que o invadía todo. Daquela, o alcalde chegou a recoñecer “algunha das carencias na limpeza viaria e un malestar xeral entre os veciños” e no seu discurso de investidura afirmou que “o servizo tiña moito que mellorar e que era unha asignatura pendente”. Sen embargo, dous anos despois, a sucidade que o invade todo aumentou, mentres o PP segue a pasmar, sen facer nada.
A portavoz socialista, Elvira Lama, recorda que “o goberno local de Xinzo tomou aquela protesta coma se fose unha chirigota e unha brincadeira, pero dous anos despois é evidente ós ollos dos veciños, veciñas e turistas que a vila está mais sucia e abandonada que nunca”. Lama denuncia, unha vez mais, o “desgoberno absoluto” no que o PP ten sumido a Xinzo e “o único realmente certo é que hai un déficit de xestión por parte do concello e unha vergoñenta falta de interese en solucionar un problema que cada verán se agrava mais pola ausencia de chuvia e as altas temperaturas”.
A portavoz, Elvira Lama, recorda que "o goberno local tomou unha protesta de 2015 coma se fose unha chirigota e unha brincadeira, pero dous anos a vila está mais sucia e abandonada que nunca".
O PSdeG-PSOE destaca que a sucidade chega a moitas “prazas, rúas e beirarrúas, mesmo diante do Concello, onde as beirarrúas están tan negras como o chapatote do Prestige e cun cheiro noxento”. “Non fan nada a pesar do estado de abandono do entorno de esparexemento da gardería municipal ou da pestilencia que invade o centro da vila o Barrio de Abaixo”, destacan. Lama advirte que “non se trata de facer un maior gasto, senón de reorganizar e optimizar adecuadamente os recursos que xa temos, pero tamén se trata de solicitar colaboración cidadá para concienciar e facer cumprir as normativas, empezando polo Concello que non a cumpre”. A iniciativa tamén reclama a creación dunha mesa de seguimento e control do estado da limpeza, coidado e mantemento das zonas verdes e espazos públicos de todo o Concello, constituída por membros do goberno municipal, grupos políticos, representantes veciñais ou colectivos medioambientais, entre outros.