O PSOE DENUNCIA QUE A INESTABILIDADE GUBERNAMENTAL ESTÁ DEIXANDO XINZO NUN ESTADO LAMENTABLE EN CUESTIÓNS TAN BÁSICAS COMO O MANTEMENTO DAS RÚAS

WhatsApp Image 2018-08-06 at 14.26.53 (1)
O PSOE DENUNCIA QUE A INESTABILIDADE GUBERNAMENTAL ESTÁ DEIXANDO XINZO NUN ESTADO LAMENTABLE EN CUESTIÓNS TAN BÁSICAS COMO O MANTEMENTO DAS RÚAS

Elvira Lama: “Que se deixen de liortas internas e de gobernos na sombra e se dediquen ao que de verdade importa. Teñen o concello feito unha calamidade”

PSOE de Xinzo denuncia que a situación de inestabilidade institucional na que se atopa o concello logo da restra de dimisións que acumula o goberno local, tamén afecta á xestión dos problemas diarios que padece a veciñanza. Temas tan importantes como o estado das rúas e beirarrúas están sometidos á desidia deste goberno á deriva, co conseguinte risco que supoñen para os e as usuarios e usuarias. O grupo socialista vén de reclamar que o mantemento e reparación destas vías e dos espazos peonís sexa unha prioridade para este desgoberno. A portavoz, Elvira Lama, sinala que: “Esiximos a reparación urxente e inmediata das beirarrúas en mal estado e demandamos que comecen pola Avenida de Ourense, sobre todo no tramo que pasa polas casas Santa Mariña, porque é de vergonza dar esa imaxe a calquera que veña e, sobre todo, o perigo inmenso que supón de caídas innecesarias”.

WhatsApp Image 2018-08-06 at 14.26.25

A teima dos socialistas con este arranxo urxente non é baladí posto que xa se teñen dado accidentes que remataron en fracturas e torceduras malos de curar. “Polo momento, ninguén reclamou por vía xudicial, danos e prexuízos contra o concello, por ser este o responsable civil, pero estarían en todo o seu dereito”, indica Lama Fernández. A imaxe de abandono e desidia chega a tal extremo que a veciñanza e visitantes que se apean do transporte público, taxi ou bus, na Avenida de Ourense, teñen que pasar por unha beirarrúa nun estado tan lamentable e deplorable que ata faltan metade das baldosas da mesma. Nesa rúa en concreto, cómpre lembrar que se atopa a estación de autobuses e un parque infantil e de recreo, sendo unha das zonas máis transitadas de Xinzo.

Por isto, os socialistas reclamaron, por escrito, que se repare de xeito urxente ese tramo de beirarrúa e que se retiren todas as baldosas, no caso de que non houbese repostos no mercado, así como a axilización inmediata do proxecto da reforma desa Avenida que tanto se anunciou, por parte do goberno municipal, nos medios de comunicación. A voceira conclúe esixindo, “que se deixen de liortas internas e de gobernos na sombra e se dediquen ao que de verdade importa. Teñen a vila feita unha calamidade e está nas súas mans por remedio e evitar males maiores. Non temos demasiadas esperanzas postas no novo alcalde, a quen preceden as súas accións como tránsfuga, pero é o noso deber ser responsables e responder ás demandas da xente, poñéndolle deberes mentres lle dure o mandato”.