O PSOE de Rairiz denuncia que o alcalde pretende acondicionar con asfalto as inmediacións da Carballa da Rocha

carballa
O PSOE de Rairiz denuncia que o alcalde pretende acondicionar con asfalto as inmediacións da Carballa da Rocha

Os socialistas esixen que se paralicen as obras

O rexedor de Rairiz de Veiga, Xosé Xaquín Rodríguez, deu luz verde ás obras para acondicionar con asfalto o camiño que leva á Carballa da Rocha e para construír un aparcamento nos arredores do monumento. O grupo municipal socialista denuncia esta situación pois manteñen que é "unha aberración ó entorno natural e paisaxístico o acondicionamento con asfalto picado e incluso non se descarta que se esté cometendo un delito medioambiental", sinalan. A través do seu portavoz, Pablo Lorenzo, os socialistas esixen que se paralicen as obras mentres non exista un informe favorable de Medio Ambiente.

Os veciños de A Saínza e os máis próximos ó lugar da obra, rexeitan estes traballos negándose a mudar un espazo natural con zona verde por un aparcamento de asfalto picado que só se usaría unha vez ó ano.

A través dun comunicado, o PSOE de Rairiz apunta que mesmo a Garda Civil se personou no lugar dos feitos alertados polos veciños. Unha vez alí, comprobaron que o proxecto de obra non recollía o uso de asfalto picado e instaron ó persoal do concello a que cesaran o uso do mesmo.

Pablo Lorenzo deu un paso máis e puxo en coñecemento da Sociedade Galega de Historia Natural, o que está sucedendo co sexto monumento natural de Galicia.