O PSOE DE XINZO DESCONFÍA DO EXPEDENTE DE CAMBIO DE USO DUNHA PARCELA DE USO PARTICULAR POR PARTE DO GRUPO DE GOBERNO DO PP

O PSOE DE XINZO DESCONFÍA DO EXPEDENTE DE CAMBIO DE USO DUNHA PARCELA DE USO PARTICULAR POR PARTE DO GRUPO DE GOBERNO DO PP

O Grupo Municipal Socialista só ve motivos económicos e non interese xeral no que está agochado tras esta Modificación puntual do PXOM de Xinzo de Limia, para delimitar solo urbanizable de uso industrial á parcela dun particular, situada na estrada de enlace coa A-52.

Trátase, xa que logo, dun expediente promovido polo Concello, que se está tramitando na Xunta, e que carece totalmente de interese xeral; posto que falamos dunha única parcela de 12.929 m2, que se pretende pasar de uso comercial a uso industrial, o cal incrementaría notablemente o seu valor de mercado.

Unha parcela que, curiosamente, se dedica a uso comercial dende hai moitos anos, que foi ampliada sen permiso e sobre a cal, o propietario, pediu que quedara fora de ordenación, por canto non se podía regularizar doutro xeito.

Os e as socialistas consideran que este expediente supón un grave risco para o Concello por canto \“se están a vulnerar dereitos dos propietarios colindantes ao non ser, nin tan sequera, informados de se tamén consideran solicitar o cambio de uso nas súas propiedades\” di a portavoz socialista, Elvira Lama.

\“A cesión para o Concello é dun 10% da superficie que se poda edificar, a resultas de 649,60m2, que o Concello quere monetizar, calculado cun prezo bonificado de 31,78€, o que da una ridícula cifra de 20.644,29 Euros de beneficio para as arcas públicas\” di Elvira Lama. Cede tamén un víal de comunicación que será usado como aparcamento xa que non ten continuidade nas propiedades de ambos lados.

Para os socialistas estase vulnerando o PXOM de Xinzo e tamén a propia lei 2/2016 do solo de Galicia , pola cal, para desenvolver un sector hai que determinalo e posteriormente facer un Plan Parcial do sector para a execución do Planeamento.

Dende o Grupo Municipal Socialista, consideran que se está obviando o interese xeral dos veciños e veciñas; cando outros que queren ampliar as súas instalacións non poden facelo e teñen que mercar solo empresarial no Polígono Industrial de Xinzo ou marchar a polígonos de concellos veciños coma o de Vilar de Santos.

Sinalan, tamén, que resulta curioso que o empresario para que que se está tramitando este cambio de uso na súa propiedade, era propietario de varias parcelas no propio Polígono industrial de Xinzo, e na mellor ubicación.

Polo tanto, di a portavoz Elvira Lama, \“non podemos entender esta operación do Alcalde e do Grupo de Goberno para pregarse ante os intereses dun só particular sen atender ao interese xeral dos propietarios colindantes coa modificación pretendida\”.